Amosando publicacións coa etiqueta Oficina de Medio Ambiente. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Oficina de Medio Ambiente. Amosar todas as publicacións

10/06/2015

Crónica da limpeza da praia de Oza co motivo da celebración do Día Mundial dos Océanos

bolseirxs OMA-UDC
Durante a pasada fin de semana (5, 6, 7 e 8 de xuño), máis de 40 entidades e máis de 500 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño na 4ª Limpeza Simultánea de Praias. 


O pasado luns 8 de xuño, a Oficina de Medio Ambiente da UDC participou na IV edición da limpeza simultánea de praias organizada por ADEGA; coincidindo coa celebración do día dos océanos e como forma de divulgación e denuncia da problemática que conleva o lixo mariño acumulado no noso litoral.




Para esta actividade reunímonos unha veintena de persoas de dentro e fora da universidade para limpar a praia de Oza. En total recolléronse uns 13 sacos cheos de lixo que estaba metido entre as rocas da praia.




O lixo mariño é un dos graves problemas ambientais do planeta, as principais causas son: a insostibilidade dos modelos de consumo e produción da nosa sociedade, as malas estratexias na xestión dos nosos residuos e a falta de sensibilización da poboación. Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos. Moito deste lixo provén da industria do mar (pesca, extraccións...), pero unha grande parte chega a través dos ríos, debido a unha mala xestión en terra.

Máis de 1.000.000 de aves mariñas e 100.000 mamíferos e tartarugas morren cada ano enredados ou por inxesta do lixo mariño. Tamén pode afectar directamente á saúde humana, xa que moitos destes produtos conteñen substancias tóxicas, bioacumulativas e persistentes, que entran na cadea alimentaria. Por último outro dos graves problemas asociados a estes residuos, é que provocan perdas económicas importantes, debido a varios factores como son a diminución da pesca comercial, a degradación de lugares aptos para actividades recreativas e turísticas, ou o enorme investimento requerido para as limpezas de praias.   


Todas as fotografías.
Crónica de ADEGA da actividade.

.
¡Moitas grazas a todos os voluntarios!


01/06/2015

Crónica do III Encontro Solar na UDC

bolseirxs OMA-UDC
Este III Encontro Solar pretendía ser un espazo para divulgar as vantaxes das enerxías renovábeis, concretamente da enerxía solar, e a factibilidade do seu aproveitamento.

A xornada comezou ás 10:30 da mañá no aparcadoiro do edificio Xoana Capdevielle, no campus de Elviña, coa montaxe das carpas, que usamos primeiro para preparar a comida e posteriomente para o xantar.
Montouse tamén a exposición solar, diferentes trebellos como xoguetes, cargador de móbil solar, lanterna solar, sinxelos quentadores de auga  e puidemos escoitar como música de fondo a radio que se alimentaba através dunha placa solar. 

Instaláronse para prepararar os xantares 7 cociñas parabólicas, máis de trinta fornos feitos artesanalmente con caixas de cartón e papel de alumino, cociñas tipo funil, unha barbacoa e algún forno solar comercial. Os trebellos artesanais foron construídos polo alunado dun obradoiro impartido por Juan Bello, profesor do CIFP Someso da Coruña na UDC o pasado mes de abril.
Entre as 11:30h e as 12:·30h fomos metendo a comida nas cociñas e fornos e sobre as 14:30h coas viandas xa listas comezamos o xantar. 
Os pratos que puidemos degustar foron: Callos, peixe, pasta, arroz, tomates recheos, polbo con cachelos, filetes de polo, lasaña, gambas, broqueta de carne, quiche, pizza, revolto con ovos, guiso… E postres como biscoito, bolachas, mazás asadas, compota de mazá… Unha vez rematada a sobremesa comezamos a recoller e lavar a louza.

Animámos á xente que aproveite o verán para cociñar co sol é sinxelo, é barato e estamos usando unha enerxía limpa e inesgotábel. Se estades interesados/as en facer un forno podedes consultar a seguinte webhttp://www.edu.xunta.es/centros/cifpsomeso/node/770

Ao longo da xornada tamén tivemos oportunidade de visitar unha instalación fotovoltaica na UDC concretamente na cuberta do CITIC. Jesus Manuel Giz (técnico superior de Mantementos da UDC) guiou unha visita á cuberta solar onte nos falou do funcionamento e os seus resultados enerxéticos. Tamén foron expostas as reformas levadas a cabo nalgúns centros para facilitar o aforro enerxético.

Dende a Oficina de Medio Ambiente da UDC e ADEGA queremos agradecer unha vez máis a colaboración de Juan Bello do CIFP Someso (alumn@s e familia), a o noso persoal bolseiro, @ voluntari@s de ADEGA, a participación do C.P.I  Viaño Pequeno de Trazo, a Jesús Giz e a todas e todos os que pasachedes polo encontro.

Agardamos vervos o próximo ano para cociñarmos xuntos/as co Sol no IV Encontro Solar!

Ligazóns

04/05/2015

Crónica da “Plantación de aromáticas 2015"

bolseirxs OMA-UDC
O pasado 29 de Abril, un grupo de voluntariado ambiental realizaron un achegamento ó mundo das plantas aromáticas na Facultade de Ciencias.




A Xornada de identificación e cultivo de plantas aromáticas comezou cunha charla a cargo de Javier Cremades, profesor na UDC e doutor en Botánica. Esta charla contou coa presenza dun público variado tanto de voluntariado coma de outros Mestres da facultade.





Tra-lo remate da charla o grupo dirixiuse ó Monte da Fraga, no que dende hai anos se realiza unha restauración participativa. Alí distribuíuse o material de traballo por parte da Oficina de Medio Ambiente da UDC e da asociación ecoloxista ADEGA e explicouse sobre o terreo as propiedades das plantas elixidas e como debían ser cultivadas e coidadas.

Tras unas horas de traballo todas as plantas aromáticas foron plantadas na ladeira do monte, xunto con outros proxectos da Oficina coma a plantación de acivros e de cerdeiras. Agora están visibles para toda a comunidade universitaria.









Dende a oficina de Medio Ambiente agradécese o bo traballo dos case vinte voluntarios que quixeron botar unha man nestas actividades. Grazas a todos e todas.

Todas as fotografías aquí

27/04/2015

Proxección e coloquio do documental "Tesouro de Corcoesto"

bolseirxs OMA-UDC
O documental, que trata o conflito en torno á mina de ouro en Corcoesto, presentarase o día 4 de maio no salón de actos na Facultade de Socioloxia e Ciencias da Comunicación no Campus de Elviña as 19h. A proxección irá acompañada dunha presentación e coloquio a cargo da súa directora, Cora Peña.


Tesouro de Corcoesto trata do conflito xurdido en torno ao proxecto de mina de ouro en Corcoesto, un caso que convulsionou á sociedade galega e que colocou a esta pequeña localidade bergatiñán no mapa mundial de loitas ambientais.


O documental formula unha ampla investigación, que abrangue temas técnicos, empresariais, económicos e sociais, deténdose, especialmente, nun activismo cidadán que conseguíu o que non se prevía: parar a mina. Polo menos, de momento.

Este documental é unha produción independente, respaldada polo micromecenado de 180 persoas e colectivos a través do crowdfunding.


Para unha mellor organización pregamos que a quen este interesado en asistir a proxección nos mande un correo a oma3@udc.es co seu nome e DNI.




22/04/2015

Crónica do curso de compostaxe en Oza

bolseirxs OMA-UDC
O luns 20 de abril tivo lugar no campus de Oza o curso de formación sobre a compostaxe.

O obxectivo deste curso é capacitar tanto ao persoal bolseiro como ao resto da comunidade universitaria para xestionar os restos orgánicos mediante a compostaxe. Ademais da necesidade de concienciar sobre o coidado do medio ambiente. A Oficina de Medio Ambiente da UDC instalou un composteiro comunitario neste campus que é xestionado por persoal bolseiro e de ADEGA (Asoc. Para a defensa ecolóxica de Galiza), o persoal do comedor deposita os restos orgánicos para convertelos en compost.





Hoxe, Día da Terra e ano mundial dos solos dende a Oficina de Medio Ambiente vemos mais que nunca a necesidade de compostar os restos orgánicos para devolverlle nutrintes ao solo en forma de compost. Pechamos o ciclo da materia orgánica e evitamos a contaminación por fertilizantes químicos. O compost obtido dos residuos do comedor usarase no propio campus ou nas hortas comunitarias.

A xornada comezou cunha charla de María R. Lafuente (coordinadora dos programas de compostaxe de ADEGA). primeiro unha introdución á xestión de residuos na Galiza e a necesidade de compostar os restos orgánicos para aumentar a taxa de reciclaxe. Logo nocións básicas sobre a compostaxe e como compostar os residuos orgánicos na casa. Coidados do composteiro, que botamos, como facemos e resolución de dúbidas de asistentes xa iniciados na arte da compostaxe.







Para finalizar fixemos unha demostración práctica no composteiro comunitario recen instalado no Campus de Oza. Comprobamos que a masa de residuos do composteiro xa está fermentando, que a humidade e a mestura de materiais era a correcta e por ultimo fíxose unha demostración do uso do composteiro; botamos os residuos xerados ese día na cafetería, un volume de 45L aproximadamente, aireamos e engadimos estruturante.

Esta acción tivo unha curta duración de tempo e esforzo, trátase dun proceso sinxelo e factible para realizar en calquera momento do día.

Para rematar fíxose entrega duns manuais de compostaxe aos partícipes e asistentes a este curso. A asistencia ao curso foi moi heteroxénea principalmente de persoas que xa se iniciaran na compostaxe e querían mellorar, persoas que querían comezar e buscaban información e persoas interesadas na xestión de residuos.

Esperamos que aprenderades e pasarades un bo anaco con esta actividade como nós o fixemos, pero isto non acaba aquí, esta semana instalaremos un novo composteiro no Campus de Elviña, neste caso para os restos orgánicos do comedor de Ciencias da Educación.


Web Adega : http://adega.gal/web/novas.php?id=333&idioma=gl&sec=9

20/04/2015

Ven a facer un xardín de plantas aromáticas

bolseirxs OMA-UDC

O próximo día 29 de Abril a Oficina de Medio Ambiente da UDC e a Asociación ecoloxista ADEGA organizamos unha xornada sobre as plantas aromáticasA actividade enmarcase no proxecto de restauración participativa do Monte da Fraga e desta volta faremos unha plantación de aromáticas. 




Aproveitaremos esta actividade para o coñecemento de diferentes especies de plantas aromáticas, así como o seu cultivo e coidados. Comezaremos cunha charla impartida por Javier Cremades Ugarte profesor da UDC e doutor en Farmacia, Botánica e Bioloxía Vexetal. 


Terá lugar ás 17:00h no Salón de Graos da Facultade de Ciencias
Despois da charla pasarase á parte práctica que consistirá na plantación de aromáticas na ladeira do Monte da Fraga, entre outras ourego, lavanda, melisa, xarxa, etc.


Como xa apuntamos este é un proxecto participativo, polo que se tes plantas aromáticas na túa casa e queres doar algunha para a restauración do Monte da Fraga podes traela e a plantaremos. Outras doazóns foron os acivros en febreiro e as cerdeiras o ano pasado.


A duración da actividade será de aproximadamente dúas horas.



Animádevos a participar!


Inscricións no correo oma3@udc.es. (Enviade nome máis DNI)
Límite de prazas: 20 persoas
Máis información:
Facebook: “Oficina de Medio Ambiente UDC”, “bolseiros OMA”

Twitter: @OMA_UDC

11/04/2015

Curso teórico-práctico de compostaxe no campus de Oza

bolseirxs OMA-UDC
O próximo luns 20 de abril ás 18h terá lugar un curso sobre a compostaxe no campus de Oza, máis concretamente na Facultade de Ciencias da Saúde, na aula Rosalía de Castro do Pavillón Modernista.

Un dos obxectivos da Oficina de Medio Ambiente (OMA) é reducir e xestionar correctamente os residuos producidos no campus. Concretamente os residuos orgánicos, para tal fin no campus de A Zapateira dispoñemos de dúas áreas de compostaxe, que asumen os restos orgánicos dos comedores universitarios da Facultade de Filoloxía, Facultade de Ciencias e Escola Universitaria de Arquitectura Técnica. Estas áreas son xestionadas polo persoal bolseiro da Oficina.



Agora queremos estender este sistema ao campus de Elviña e ao de Oza, así que instalamos dúas áreas experimentais para xestionar os residuos orgánicos da cafetería de Ciencias da Educación (Elviña) e da cafetería de Ciencias da Saúde (Oza), ambos centros están integrados no programa Green Campus. Queremos tamén agradecer a colaboración ao persoal dos comedores por facilitar o traballo e querer xestionar os seus residuos dunha forma máis ecolóxica. Eles encargaranse de depositar os restos orgánicos no composteiro e engadir estruturante, o persoal bolseiro da OMA-Green Campus e de ADEGA encargarémonos de manter as áreas nas condicións axeitadas.

Para iniciar o proxecto organizamos un curso teórico-práctico sobre a compostaxe. A relatora do curso será María R. Lafuente, coordinadora dos programas de compostaxe de ADEGA. Explicaremos como funciona un composteiro e que aspectos debemos ter en conta para compostar os restos orgánicos con éxito. A parte práctica será na área de compostaxe de Ciencias da Saúde.


Se estades interesad@s na compostaxe tamén podedes descarregar o manual de compostaxe de ADEGA na seguinte ligazón .

Data: 20 abril
Hora: 18h
Lugar: Facultade de Ciencias da Saúde, na aula Rosalía de Castro do Pavillón Modernista (Oza)
Inscrición: oma3@udc.es NOME+DNI





10/04/2015

Crónica do obradoiro de construción dun forno solar

bolseirxs OMA-UDC
O 8 de abril tivo lugar o obradoiro de construción de fornos solares con caixas de cartón impartido por Juan Bello experto en cociña solar e profesor de edificación e obra civil do CIFP de Someso. Arredor dunha trintena de persoas construímos os nosos fornos. 

O obxectivo desta actividade é coñecer e experimentar coa enerxía solar que culminará cun ENCONTRO SOLAR onde probaremos e cociñaremos co forno que construímos hoxe. O encontro solar celebrarase o 22 de abril no aparcamento da Facultade de Socioloxía e Comunicación Audiovisual.

A xornada comezou cunha pequena charla onde se explicaron os distintos mecanismos que hai para cociñar co sol, as súas utilidades e beneficios. Nun ano o sol envía a terra catro mil veces a enerxía que consumimos, por iso debemos aproveitar este recurso natural inesgotable que temos sempre a nosa disposición.




Unha vez feita a introdución, comezamos coa construción do forno. O custo medio dun forno solar é de 4€ e a temperatura que pode acadar e de 120º. Se queredes construír un forno podedes seguir as instrucións na seguinte páxina e tamén participar no encontro solar.



Aproveitando o bo día que tivemos puxemos a funcionar varios fornos que levamos de mostra, un feito de madeira, outro mercado, unha hot pot e unha cociña feita cun funil de plástico. Así ao rematar de traballar puidemos degustar uns riquísimos champiñóns, unhas peras ao viño e mazás asadas.






O Encontro Solar pretende ser un espazo de participación que divulgue as aplicacións da enerxía solar na vida cotiá e fomente o seu uso. Nesta mostra realizaranse diversas actividades que pretenden crear unha nova cultura enerxética que incida na redución e na eficiencia do consumo. Un cambio de comportamento preciso, encamiñado a mitigar o cambio climático.

Se tes curiosidade por saber como será o encontro aquí tes o enlace a crónica do ano pasado. 

Se xa cociñas co sol ou queres comezar a facelo apúntate ao encontro solar, intentaremos xuntar o maior numero posible de cociñas e fornos, aprenderemos técnicas de cociña e probaremos os riquísimos pratos. En breve a través da oficina de medio ambiente poñeremos ao voso dispor un formulario para anotarvos ao encontro e organizar as comidas e sobremesas.


Esperamos que gozarades da actividade tanto coma nós e que nos vexamos na próxima.

Todas as fotografías do obradoiro aquí.

09/04/2015

Caracterización de residuos na UDC

bolseirxs OMA-UDC
A caracterización de residuos consiste en clasificar os residuos xerados en distintos grupos, que son:

I. Papel e cartón
II. Vidro
III. Materia orgánica
IV. Residuos perigosos (cds, equipos informáticos..)
V. Residuos de laboratorios
VI. Resto (plásticos, latas..)

O estudo dos residuos realizouse en:

* Facultade de Ciencias da Saúde (Campus de Oza).
* Facultade de Ciencias (Campus da Zapateira) 
* Escola Técnica Superior de Arquitectura (Campus da Zapateira)
* Escola Universitaria de Arquitectura Técnica (Campus da Zapateira). 
* Facultade de Ciencias da Educación (Campus de Elviña).








Coa colaboración dos traballadores de limpeza de cada centro, acumulouse os residuos xerados un ou dous días para o seu posterior estudo por parte dos bolseiros da OMA, que consiste en:

1. Medir o volume que ocupan os residuos.
2. Pesar cada bolsa.
3. Clasificar nos diferentes grupos.
4. Pesar cada un dos grupos.






O estudo serve para coñecer as características dos residuos de cada centro e poder adoptar medidas que fomenten unha boa clasificación (por exemplo instalar máis contedores de papel) e minimizar a xeración de lixo (por exemplo instalar fontes de auga para non xerar botellas de plástico).

26/03/2015

Obradoiro de construción dun forno solar

bolseirxs OMA-UDC
O próximo 8 de abril celebrarase na UDC un obradoiro de fornos solares a partir de caixas de cartón, ónde cociñar alimentos coa enerxía do sol.



Cada vez é máis necesario aforrar enerxía tanto por razóns ecolóxicas como económicas, e deste xeito poderemos ser un pouco máis autosuficientes.

Este obradoiro será impartido por Juán Bello, experto en cociña solar, e profesor do departamento de edificación e obra civil do CIFP Someso. En horario de 10-13h no edificio LERD. 

Para asistir ao obradoiro téndesvos que inscribir no correo oma3@udc.es e tamén traer unha caixa de cartón cunhas dimensións aproximadas de 60x60 cm e unha altura entre 25-30cm, ademais de cartóns para facer o illante.

O obxectivo deste obradoiro é construír un forno que poidamos utilizar para cociñar,e que nos propomos estrear o día do ENCONTRO SOLAR que será o 22 de abril.
É dicir, o 8 de abril construímos o forno e o 22 de abril organizaremos un encontro de cociñeiras e cociñeiros solares onde degustaremos os diferentes pratos solares!! 



Participa este ano e ven a prepararte ao obradoiro, así poderás cociñar con nos!!

Data: 8 abril
Horario: 10-13h
Lugar: LERD 
Prazas limitadas:20
Inscrición en oma3@udc.es

17/03/2015

Ven visitar a exposición sobre a compostaxe

bolseirxs OMA-UDC

Desde a Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña xunto co programa Green campus da Facultade de Ciencias da Saúde (FCS) de Oza, pretendemos avanzar na xestión correcta dos residuos que xeramos, para o que imos comezar a compostar os restos orgánicos do comedor. 

Como inicio deste proxecto, o Edificio de Grao en Terapia Ocupacional da UDC acolle unha exposición sobre a compostaxe, que se poderá visitar desde o día 16 ao 26 de marzo. E do 7 ao 20 de abril no Edificio Universitario de Oza.




A exposición recolle a experiencia e traballo que ADEGA ven desenvolvendo neste eido desde hai máis de dez anos. Mostra contidos de tipo práctico que axudan a resolver as dúbidas habituais que xorden cando se comeza a poñer en práctica unha experiencia de compostaxe, sexa dos residuos orgánicos no fogar, da comunidade de veciños ou, como neste caso, dun centro universitario.





A través de 11 paneis, presenta diversa información sobre a compostaxe, en que consiste, como se fai e os coidados do composteiro; que podemos botar ou como saber se a aireación e a humidade son axeitadas, entre outras cousas. 

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib