Queres saber máis?
A OMA participa na coordinación e realización de diferentes actuacións de tipo ambiental na UDC
Coñece a nosa actividade
Actividades que fomentan a información,
divulgación e participación ambiental
Gustaríache formar parte
da OMA?
Participa connosco como voluntario ou accedendo ás Becas de Colaboración da UDC
Contacta connosco!
Se tes algunha dúbida, suxerencia ou queres subscribirte a algunha actividade, non dubides en contactar

7 mar 2021

Roteiro interpretativo no Monte da Fraga

bolseiros OMA

 



Por María Gelpi, Bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC curso 2020-2021


O xoves 3 de decembro de 2020 realizouse un roteiro interpretativo na contorna do Monte da Fraga, guiado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).

As educadoras ambientais Itziar e María guiaron a actividade que contou con cinco participantes, cubrindo o cupo máximo derivado da situación COVID-19. En cada punto do roteiro, indicado cunha baliza e código QR, fíxose unha parada explicativa, respecto a historia, biodiversidade, ou singularidade de interese deste espazo.

Punto de saída do roteiro do Monte da Fraga, localizado na Praza da Fraga. Obsérvase a proba de escaneo do código QR localizado na baliza indicadora do roteiro, con liña branca e verde.

 

A contorna do campus universitario da Zapateira inclúe o espazo do Monte da Fraga, encadrado no denominado bosque atlántico, agora posúe unha enorme riqueza biolóxica grazas ao traballo de restauración que se desenvolveu desde o ano 2006 cando o espazo era un eucaliptal e zona marxinal do campus.

Creáronse espazos mais verdes, algúns exemplos: mellora da Praza da Fraga que na súa orixe era un aparcadoiro; unha charca para aumentar a diversidade de ecosistemas; unha zona de depuración ecolóxica das augas residuais mediante humidais construídos.

Estes lugares permiten á comunidade universitaria dispor de espazo para o lecer ao aire libre, e serven ademais como espazos de aprendizaxe e investigación, por medio das actividades de educación ambiental, prácticas de materias asociadas ás áreas de botánica da Fac. De Ciencias, ou de paisaxismo da ETSAC, entre outras.

Entre as actividades de educación e sensibilización para a conservación do entorno e a súa biodiversidade, destaca o traballo continuo para a eliminación das especies exóticas invasoras, que son o 2º motivo da perda de biodiversidade a nivel planetario. Tamén resultan de interese as caixas niño para aves e morcegos instaladas.

O coidado do Monte da Fraga como ecosistema de especies autóctonas é unha labor fundamental para poder desfrutar das aves, insectos, fungos e vexetación propias do lugar, seguindo o camiño ao son do manancial da Zapateira que nace no monte da Fraga e alimenta ao río Lagar.

 

Participantes no final do percorrido do roteiro

20 ene 2021

Xornada de voluntariado para a eliminación da Flora exótica invasora no Monte da Fraga

bolseiros OMA

 




Por Sandra Graña, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC


O pasado xoves 3 de decembro de 2020 levouse a cabo no Monte da Fraga esta actividade desenvolta pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA. Contou coa participación de catro persoas voluntarias1 coordinadas polas educadoras ambientais Itziar e María.

Son varias as especies exóticas de flora invasora que afectan ao Monte de Fraga, entre elas a Cortaderia selloana, coñecida tamén como herba da Pampa ou plumacho. Traída de América do Sur, esta especie ten fácil dispersión das sementes e invade terreos con recentes movementos de terra, ocupando o espazo das especies autóctonas e provocando en consecuencia unha perda de cantidade e de diversidade destas. Por este motivo, as especies coma o plumacho, reciben o nome de Especies Exóticas Invasoras (EEI), que son a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel planetario. Distínguense de outros tipos de plantas exóticas, que non teñen o comportamento invasor, como as patacas, que igualmente procedentes de América, necesitan ser cultivadas para manterse.

No Monte da Fraga véñense realizando traballos para a súa eliminación desde uns anos atrás e xa comezan a verse os resultados. Nesta xornada traballamos en varias liñas de acción sobre as EEI:

  1. Impedir rebrotes: despois de cortar as plantas en superficie, cóbrense as raíces cun plástico negro de tal xeito que nin a auga nin o sol cheguen a elas. Para que esta técnica debilite efectivamente a planta e a súa grande capacidade de rebrote, será necesaria a permanencia do tapado durante un período entre 6 meses e 1 ano. As follas cortadas, parte vexetativa da planta sen capacidade de rebrote, déixanse no propio terreo como achega de materia orgánica.
  2. Eliminación manual de tocóns: a técnica clásica e mais efectiva, que tamén se puido levar a cabo nesta ocasión, con ferramenta de man adecuada, grazas ao bo empeño do voluntariado! Unha vez se elimina o tocón, déixase invertido no propio oco coas raíces expostas. Isto require de seguimento por se aparecen rebrotes.
  3. Seguimento das actuacións xa feitas anteriormente: comprobouse que as plantas que foran tapadas meses atrás xa estaban a podrecer debaixo do plástico, excepto as que por algún motivo se moveu o plástico, e polos pequenos ocos de luz foi rebrotando a planta. Nestes exemplares reparouse o tapado, mellorando o sistema de ancoraxe ao terreo mediante grampas.


Fotografías durante o voluntario, eliminando as plantas invasoras
Fotografías durante o voluntario, eliminando as plantas invasoras

Tódolos anos, ADEGA desenvolve estas actividades co fin de eliminar as especies invasoras do Monte da Fraga. Esta tarefa inclúe traballo e estudo previo, como é o inventariado para coñecer cales son as EEI e cales son as mais abundantes que aparecen no Monte da Fraga; tamén fan periodicamente o mapeo para localizar estas especies no espazo; e a temporalización das actividades, prevendo cal é a mellor época do ano para a eliminación de cada especie, por exemplo, no caso da herba da Pampa evítanse os meses de agosto-setembro e cando a planta ten o plumacho, para non favorecer a expansión das sementes coa súa manipulación. Nesta época o que se fai con esta especie, é a corta manual dos plumachos, no período incipiente de florecemento.


Voluntarios no Monte da Fraga tras a eliminación da herba da Pampa

Voluntarios no Monte da Fraga tras a eliminación da herba da Pampa



1Límite de prazas cuberto, segundo a normativa Covid.


Seminario Técnico LIFE STOP Cortaderia 2020

bolseiros OMA

 




Por Virginia  Cendán, bolseira da OMA e Green Campus de Ciencias

A OMA participou no Seminario Técnico LIFE STOP Cortaderia 2020 “Boas Prácticas para o Control de Cortaderia” que tivo lugar o martes 15 e o mércores 16 de decembro de 2020, cunha duración total de 8 horas.

Na primeira sesión (día 15), despois da sesión de inauguración da man de Belén do Campo (D.X. Patrimonio Natural), Carlos Vales (Director do CEIDA) e Santiago García (Asoc. Amica e Coordinador do LIFE Stop Cortaderia), presentouse o “Plan estratéxico para a xestión das especies invasoras en Galicia”, con dous eixes de actuación: a contención local e erradicación temperá, e o coidado dos espazos naturais para a protección de especies autóctonas (Natura 2000), a cargo de Elisa Gago (Xefa de Servizo de Conservación da Biodiversidade).

Para continuar, Blanca Serrano (SEO/BirdLife), introduciu as Boas prácticas de loita contra Cortaderia, presentando o Manual de Stop Cortaderia. Nesta publicación, á que lle encontramos utilidade para os traballos de eliminación no noso proxecto de custodia do territorio no Monte da Fraga, introdúcense puntos clave para a correcta eliminación desta especie invasora, como son:

  • A planificación. Sobre este punto a relatora fixo fincapé nunha intervención do seguinte bloque, exemplificando o caso da Cortaderia en Cantabria, do proceder para a súa detección e resposta rápida conseguindo o resultado de freo da expansión.
  • A prevención e o control: no caso da eliminación de Cortaderia, é imprescindible a presenza dun bo solo cunha maior cobertura vexetal que provoque o apantallamento da luz evitando así o desenvolvemento desta planta fotosensible.
  • A eliminación: é necesario evitar a dispersión das sementes desta especie durante todo o proceso.
  • A restauración do solo e a revexetación: permite evitar unha recolonización da invasora e mellora a biodiversidade do ecosistema.
  • O mantemento e seguimento: axuda á detección temperá de novas poboacións e a entender o ciclo de vida da especie invasora.
  • Comunicación e sensibilización.

Imaxe do "Manual de boas prácticas para o controlo da Cortaderia selloana"
Imaxe do "Manual de boas prácticas para o controlo da Cortaderia selloana"

O seguinte bloque introducido foi relativo a Cartografía e ciencia cidadá. En primeiro lugar, Henrique N. Alves (Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia) presentounos a Aplicación StopCortaderia para rexistrar as poboacións de Cortaderia nun mapa colaborativo, animando ás persoas asistentes á participación para que sexa posíbel o coñecemento do nivel de invasión desta especie no territorio. A continuación, Sergio París (CEIDA) expuxo a cartografía aproximada á distribución de Cortaderia en Galiza, obtida grazas a enquisas, entrevistas e monitoreo en campo. O resultado por municipios é o que se mostra a continuación:


Cartografía aproximada á distribución de Cortaderia
Cartografía aproximada á distribución de Cortaderia 


Obsérvase como esta especie se atopa presente na metade dos municipios galegos, cunha evolución negativa nos últimos anos, especialmente presente nas áreas máis poboadas con uso humano intenso e en comunidades de marisma, humidais costeiros, acantilados, dunas e formacións de matorral costeiro.

O último bloque desta sesión centrouse no Control, ou qué facer para evitar a propagación de sementes de Cortaderia. Inicialmente, Antonio Urchaga (SEO/BirdLife) explicounos os Métodos de control da expansión de Cortaderia, definíndonos cando un mesmo método pode resultar efectivo ou nefasto: Entre outros factores para realizar un método de erradicación efectivo atópase a importancia de impedir a chegada da luz as plantas desbrozadas mediante a ocultación con bioplásticos dun grosor suficiente para evitar a recolonización desta especie. O método químico para a eliminación desta especie é convinte que sexa o último recurso para evitar a contaminación e debido a que pode non ser moi selectivo con esta especie, eliminando outras que si son beneficiosas para a biodiversidade.

A época de actuación é clave para controlar a expansión xa que é necesario impedir a produción da semente para evitar a dispersión. Son necesarios os desbroces para controlar o crecemento anual desta planta e o correcto tratamento dos restos obtidos desta planta.

A restauración ambiental é importante que se leve a cabo con especies autóctonas con alta capacidade colonizadora e densidades elevadas para evitar a chegada de luz a semente da Cortaderia. É imprescindible manter a eliminación desta planta para evitar a recolonización. Un modo de control é mediante gando.

Para continuar, Juan Antonio Ruiz de VIlla (Demarcación de Estradas do Estado en Cantabria, MITMA) tratou o tema da Xestión de Cortaderia nas estradas do Estado en Cantabria, e xa para rematar esta sesión, Jaime Fagúndez (UDC) introduciu o Control biolóxico contra Cortaderia. Pese ao esforzo que require este método, consiste nunha solución baseada na natureza, sostible e que se mantén no tempo ao establecer conexións biolóxicas e ecolóxicas. No caso de Cortaderia, o grupo de investigación da UDC propón a especie Spanolepis selloanae (díptero) como axente biolóxico.

 

A segunda sesión, día 16, focalizou a temática de intervencións en tres bloques:

O primeiro desenvolveu as técnicas de comunicación e sensibilización, no que as intervencións de Hélia Marchante (Escola Superior Agrária de Coimbra) e de Francisco Oliva e Rosa Olivo (Life Invasaqua) mostraron os desafíos de implicación á poboación local na loita contra as EEI.

No segundo bloque detalláronse as formas de eliminación, facendo fincapé nas mellores prácticas, intervencións que desenvolveron Santiago García (Asoc. Amica), e Dominique Roux (Deraciner), quen presentou unha ferramenta manual para facilitar en grande medida a extracción das plantas de raíz, sen necesidade de emprego de compostos químicos e rebaixando moito o nivel de esforzo físico en comparación con outras ferramentas manuais clásicas. A continuación interviron Javier Ferreiro (IBADER) e Antonio Uchaga (SEO/Birdlife) que presentaron casos reais de eliminación de Cortaderia en corredores fluviais e en ENP de Cantabria.

O último bloque desta sesión e do seminario técnico, tratou a posibilidade de coordinación para un futuro sen Cortaderia, coas intervencións de Felipe González (SEO/Birdlife) que falou da necesidade da restauración activa para previr recolonización por EEI, e de Santiago García (Asoc. Amica) que fixo un interesante convite á participación activa na Estratexia Transnacional de loita contra a Cortaderia, que implica en primeiro termo a Galiza como localización estratéxica, limitando con Portugal e co resto da Península Ibérica.

Este proxecto europeo, baseado na prevención e control, combinado con boas prácticas na construción, mantemento, e na xardinería, entre outras, e reforzado coa información e concienciación cidadá, pode constituír un paso adiante na erradicación desta especie invasora moi presente en Galiza, que sen dúbida teremos en conta na Oficina de Medio Ambiente da UDC para poñer en práctica nos espazos que temos ao noso alcance, como é o exemplo de restauración forestal do Monte da Fraga, e que na actualidade conta con unha figura de Custodia do Territorio que implica a diferentes axentes administrativos e sociais.

 

Máis información:

Páx. Web do proxecto Life Stop Cortaderia: http://stopcortaderia.org/

Manual de boas prácticas e outro material divulgativo Stop Cortaderia (varios idiomas): https://drive.google.com/drive/folders/1fWj4dp_LTUpwmVET_mNTR1atQl9Ikl2D

Aplicación para o mapeo participativo de Cortaderia Selloana: https://cortaderia.cm-gaia.pt/BiodiversityRest/

Apartado web do Monte da Fraga da UDC: https://www.udc.es/gl/sociedade/medio_ambiente/biodiversidade_e_conservacion_do_solo/



Folheto Desafios CORTAderia
Folleto Desafios CORTAderia

23 dic 2020

bolseiros OMA

 Oficina de Medio Ambiente da UDC


As  bolseiras e  bolseiros dá  OMA e Green Campus queremos desexarvos unhas felices festas e transmitirvos uns consellos para facer entre todos un Nadal menos consumista e máis sostible. 

Para iso, por exemplo, podemos tentar regalar aos nosos seres queridos algo que realmente necesiten, e se é un produto que proveña de comercio xusto e feito con materiais sostibles ou reciclados moito mellor! 

Tamén podemos evitar  agasallos superfluos, e lembra que as revistas, xornais ou papeis reciclados sempre son unha opción orixinal e respectuosa co medio ambiente.



Pero a nosa responsabilidade individual co planeta non termina cos agasallos, senón que á hora das comidas tamén podemos ser responsables co planeta con pequenos xestos como calcular ben as cantidades, comprar produtos locais ou tentar evitar os envases de plástico dun só uso. E, por suposto, podemos ter unha bonita decoración do Nadal sen necesidade de facer un uso enerxético excesivo.



Entre todos podemos facer un mundo mellor.

Esperamos que todos pasedes unhas felices festas!

12 feb 2020

Crónica: Técnicas para a eliminación de especies exóticas invasoras

bolseiros OMA







Por Katia Pérez, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC


Esta actividade desenvolveuse o xoves 6 de febreiro en horario de 11 a 14h no Monte da Fraga, na que participaron 12 persoas, a maior parte delas da área de Bioloxía e con coñecementos previos no contido da actividade. María R. Lafuente, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, foi a encargada de monitorizar esta actividade.

Caution: voluntariado ambiental elimiando especies invasoras!

O monte da fraga está afectado por diferentes especies de flora exótica invasora, entre elas encóntrase en abundancia Buddleja davidii e Cortaderia selloana. A Cortaderia, plumacho ou herba da pampa, foi introducida en Galicia como planta decorativa, que se estendeu e descontrolou debido á mestura de xéneros nas plantacións (a previsión só incluía a introdución de plantas femininas). Ademais foi plantada en todas as medianas das autopistas galegas. Na actualidade esta planta está moi estendida e resulta moi difícil, por non dicir case imposíbel de eliminar, sendo os principais traballos que se levan a cabo en torno a evitar a súa maior propagación e na concienciación da problemática das especies exóticas invasoras, 2º motivo da perda de biodiversidade a nivel planetario.




Técnica dos allos
Os resultados no Monte da Fraga, logo de facer cada curso académico varios chamamentos para a eliminación de EEI, empeza a facerse visíbeis e obsérvase como as poboacións de estas especies xa minguaron bastante.


Nesta xornada, alén de traballar na eliminación manual das plantas, o obxectivo principal foi a experimentación con técnicas de eliminación e/ou debilitamento das plantas, concretamente:
  • Técnica do allo nos troncos de Buddleja davidii. O procedemento consiste na introdución de varios dentes de allo no interior do tronco da planta cortado no momento, para favorecer a actuación dos compostos alelopáticos liberados polo allo na savia da Buddleja, inhibindo o crecemento de esta. Esta actuación levouse a cabo en 2 puntos localizados no mapa (abaixo).
  • Técnica da inhibición da fotosíntese en Cortaderia selloana. O procedemento consiste no tapado da planta con plástico negro evitando que lle dea a luz. Esta actuación fíxose en 3 puntos localizados no mapa (abaixo) e quedando sinalizadas con un colante explicativo.

Tamén se fixo a eliminación manual de raíz de varias unidades de Cortaderia selloana (mapa abaixo), deixando in situ as propias plantas en sentido invertido, é dicir, coas raíces en superficie para favorecer o seu secado. Combinar as dúas técnicas para a eliminación de C. selloana permitirá facer un estudo comparativo da eficacia de cada unha delas.

Voluntarios 1 - Invasora 0
Mapa da localización das invasoras no monte


Ligazóns de interese:
  • ADEGA: Asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro que traballa na defensa do medio ambiente galego e global do que depende a nosa calidade de vida.
  • Monte da Fraga na UDC: un proxecto de Custodia do territorio entre o Concello da Coruña, a UDC e ONGs ambientalistas.
  • Voluntariado ambiental na UDC, organizado pola Oficina de Medio Ambiente.

3 feb 2020

Crónica da plantación participativa no Monte da Fraga

bolseiros OMA


Por Cristina Videla, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC

O pasado sábado 25 de xaneiro tivo lugar unha actividade de reforestación no Monte da Fraga, que consistiu nunha plantación de loureiros no borde superior da ladeira coa intención de facer un filtro verde. Os filtros verdes teñen a función de mellorar as condicións ambientais, como son o amortecemento de contaminación acústica e atmosférica que causa o tráfico, ademais de que as sebes conforman un refuxio de fauna, mellorando os índices de biodiversidade.



Estes terreos do Monte da Fraga pertencentes á Universidade da Coruña antigamente eran un eucaliptal, que grazas ao cambio de xestión e labouras de voluntariado estanse transformando nun espazo de lecer moi agradábel, cunha ampla variedade de especies arbóreas que axudan ademáis a reducir as emisións de CO2 á atmosfera.

A actividade iniciouse as 11:00h na Praza da Fraga, onde se reuniron as 12 persoas voluntarias e a educadora ambiental de ADEGA, María Rodríguez Lafuente.



O primeiro que se levou a cabo foi a recollida de compost na área de compostaxe da Praza da Fraga para, a continuación, realizar a plantación de 20 loureiros no Monte da Fraga empregando este abono natural. O compost utilizado procede das áreas de compostaxe da UDC, onde se xestionan os restos orgánicos dos comedores universitarios. Ademais da plantación de esta nova remesa de loureiros, aproveitouse para facer o coidado das anteriores plantacións, engadindo mais compost e eliminando as herbas de arredor.



Durante a xornada o grupo de voluntarias aproveitou para facer recollida de lixo que apareceu especialmente na beira da estrada, e formada principalmente por residuos e embalaxes plasticas.



Por último, aproveitouse para facer unha breve eliminación de especies invasoras. Unha especie é invasora aproveita as condicións de novos espazos para desenvolverse de forma vantaxosa respecto a especies autóctonas, producindo un desequilibrio nas abundancias relativas de especies e como consecuencia unha perda de biodiversidade nos ecosistemas autóctonos. Considérase unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario, é por iso tan importante o traballo en sensibilización e eliminación. Nesta ocasión elimináronse 3 especies: Cortaderia selloana (herba da pampa), Buddleja davidii, e Cyperus papirus (papiro), este último encontrado dentro da charca.

As 14h terminou a xornada de actividade variada, na que o grupo ficou con ganas de repetir este tipo de actividades. Animamos a toda a comunidade universitaria a ficar atenta ás convocatorias de voluntariado ambiental no Monte da Fraga!!

Mais información sobre:
- Áreas de compostaxe da UDC
- Asociación ecoloxista ADEGA
- Monte da Fraga na UDC

26 ene 2020

DÍA MUNDIAL DA EDUCACIÓN AMBIENTAL

bolseiros OMA



26 Xaneiro – Día Mundial da Educación Ambiental


Esta data ten orixe na Declaración da Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente celebrada en Estocolmo, Suecia, en 1972, na que a ONU discutiu por primeira vez a necesidade de coidar o ambiente e salientou a importancia da educación ambiental.

A Educación Ambiental é a ferramenta básica da que dispoñen as sociedades para avanzar na superación dos graves problemas ambientais a nivel global e local. Busca unha maior conciencia ambiental das persoas e tamén dos gobernos, e participación para conservar e protexer o medio ambiente.

É importante sermos conscientes dos danos ambientais que estamos a propinarlle ao noso planeta: cambio climático, sobreexplotación dos recursos naturais, extinción de especies... e outros fenómenos que afectan tanto ambientalmente como socialmente: crises alimentarias, guerras territoriais e aumento das desigualdades.

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib