Por David López Folgueira, bolseiro da Oficina de Medio Ambiente da UDC
Esta interesante e completa xornada desenvolveuse na mañá do 27 de novembro, en horario de 10:45 a 14:30 horas, con boa acollida, contando coa asistencia dunhas 40 persoas, completando o Salón de Actos do CICA.
Presentáronse diversas experiencias de custodia do territorio, que consiste nunha nova corrente de custodia urbana. A custodia é un conxunto de estratexias que pretenden implicar ás persoas na conservación e o bo uso dos valores e recursos naturais, culturais e paisaxísticos.
Os obxectivos desta mesa redonda foron coñecer a custodia como ferramenta para a conservación do medio, poñer en valor o Monte da Fraga e promocionar actividades de voluntariado no mesmo.
A experiencia de custodia de Fragas do Mandeo. Fernando Bandín, Fundación Fragas do Mandeo.
Nesta presentación, o presidente da Fundación Fragas do Mandeo, Fernando, expuxo as problemáticas existentes na contorna das Fragas do Mandeo, como o fenómeno erosivo da corta de eucaliptais, a perda de biodiversidade (en especial a de invertebrados de auga doce) e a existencia de especias exóticas e invasoras.
A Fundación actúa baixo a figura de custodia do territorio, organizando e participando en diversas campañas como por exemplo: Campaña de reserva de anfibios, campaña Lago de Sobrado, campaña de eliminación de especies exóticas invasoras, campaña de litoral e ríos, entre outras.
A custodia do territorio: Unha ferramenta para implicar a cidadanía na conservación de espazos urbanos. Guillem Bagaria, Técnico de proxectos da Xarxa per a la Conservació de la Natura (XCN), explicou por videoconferencia en qué consiste e cómo usar esta ferramenta para a conservación do medio implicando á sociedade.
Guillem mostrou a custodia como sistema de responsabilidade social, mais aló do ámbito administrativo, con implicación de universidades, cidadanía e propietarios/as. Seguindo o modelo de implicación cidadá. Proponse que o 45% do territorio sexa comunal ou público, sendo as administracións quen xestionen, por exemplo ca figura de custodia apoiando económicamente.
Desde a Xarxa presentouse o exemplo de El Sat de la Foixarda, propiedade do Concello de Barcelona, espazo emblemático de 1 hectárea. É unha finca forestal cunha zona húmida interesante para a flora e fauna pero que presenta flora de especies exóticas e invasoras (EEI). Como obxectivos márcase a ordenación e limpeza do espazo, conseguir un humidal con auga de calidade todo o ano, potenciar a flora e fauna autóctona e facilitar a visibilidade exterior do espazo para un uso e participación da cidadanía. Isto conseguirase coa recuperación de espazos, a eliminación de EEI, construción de infraestruturas que faciliten a visita do lugar e facer un plan de seguimento prolongado no tempo.
Ciencia cidadá. Cosme Damián Romay. Investigador departamento de bioloxía UDC/GIBE-GN HÁBITAT.
Poñendo en valor a chamada ciencia cidadá pódense obter datos moi útiles para a ciencia. Facilitar a posta en práctica e participación pública na investigación científica achegará o coñecemento da natureza a cidadanía.
Damián fixo fincapé na importancia de seguir unha metodoloxía e un rigor na toma de datos, para obter resultados de confianza. Logo, só se precisará interese e motivación para realizar as xornadas de campo.
Unha problemática é o traballo post-campo, a análise dos datos recollidos que grazas ao uso de novas tecnoloxías e ferramentas online queda resolto. Uns exemplos citados destas ferramentas foron: Biodeversidade.eu; Biodiversidadvirtual; Natusfera; Artportalen; Ebird; Eurobirdportal.
A posta en valor da paisaxe no campus da UDC. Cristina Fontán, profesora do Grao de Paisaxe da UDC.
Fíxose unha primeira análise da contorna dos Campus da Coruña, entre o castro celta e o núcleo de O Castro, e a evolución dos distintos plans parciais para o campus dende a súa concepción. Cómo foi crecendo a dimensión das propostas a como foi o resultado, dende a eliminación do río ata a intención de actuación paisaxística que ao final non se produce, e a problemática das expropiacións de terreos privados.
Móstranse os traballos feitos polo alumnado do grao de paisaxe onde destaca o interese polos camiños tradicionais e a modificación urbanística con única prioridade o tráfico rodado e esquecendo a parte social e adaptación a unha aldea preexistente.
Monte da Fraga. Proxectos de custodia ADEGA. Ramsés Pérez e María R. Lafuente. Asociación ecoloxista ADEGA.
A custodia do territorio é una nova e crecente estratexia de conservación que compromete a donos de parcelas ou terreos coa administración, ONGs ou colectivos a prol da conservación natural para a conservación e protección do territorio mediante contratos verbais ou escritos. Unhas das dificultades que se encontra no territorio de Galicia é a diversidade e número de parcelas con distintos propietarios, o que dificulta a actuación.
ADEGA comezou no ano 2008 con iniciativas de custodia como a de Proxecto Castieixas, Charcas con vida (para a recuperación de charcas), Proxecto Tea, Custodia fluvial do rio Ulla e o Lérez, Eira de Xoana, entre outras.
Entre todas elas detallouse o exemplo do Monte da Fraga, debido á ligazón coa UDC. A historia de este monte comezou no 2006, ano no que se talaron os eucaliptos do terreo, e a partir do que se comezaron as tarefas de restauración, desenvolvendo reforestacións con frondosas autóctonas das fragas galegas e o bosque atlántico, promovendo a educación e voluntariado ambiental, levando a investigación asociada ao departamento de Botánica da Facultade de Ciencias, entre outras.
Na actualidade no Monte da Fraga pode seguirse un roteiro autoguiado, con códigos QR e un panel informativo, co obxectivo de promover un espazo de esparcemento para a comunidade universitaria e demais cidadanía. Conta con unha charca construída para mellorar a biodiversidade e promover a conservación de anfibios, e na área do Monte inclúese tamén unha planta piloto de depuración de augas por humidal, e unha pequena horta urbana ligada a área de compostaxe que recolle os restos do comedor da Facultade de Ciencias.
Ademais, cada ano se fan chamamentos de voluntariado para a eliminación de flora exótica invasora, para reforestacións participativas, entre outras.
As perspectivas de futuro pasan por continuar coas actividades e divulgar, aumentar o número de persoas usuarias e voluntariado e realizar proxectos de inventariado, censos e xestión dun plan de seguimento.
Natureza e sociedade: experiencias na cidade da Coruña. Andrés Pereira, GN Hábitat.
Dentro das actividades de GN Hábitat encontramos a xestión, coordinación e colaboración con ADEGA no Monte da Fraga, estudio e inventariado de datos históricos e a súa divulgación.
Andrés expuxo o Proxecto no entorno da Torre de Hércules, no que se desenvolven roteiros para achegar a riqueza de biodiversidade á cidadanía. O proxecto ten como principal obxectivo recuperar as zonas alteradas, especialmente por especies invasoras, mellorar as condicións naturais e a implicación da cidadanía. Para iso analízase a zona de traballo, fanse accións de xestión e coordinación e finalmente execútanse as actividades. Os resultados obtidos foron moi positivos, despois de 11 xornadas e ter actuado en localizacións distintas: 266 persoas participantes e retirada de 122,5 metros cúbicos (21.3Tn) de especies exóticas e invasoras.
Os traballos seguen continuando e precisan dun efectivo plan de control e seguemento, animando á participación nestas actividades de voluntariado, tanto de forma individual como en grupo.
Ao remate da xornada, fíxose unha posta en común, reflexionando e sintetizando o falado ao longo da mañá, que foi enriquecedora e da que xurdiron ideas de participación en conxunto entre as entidades e para desenvolver na UDC.
0 comentarios:
Publicar un comentario