O
pasado 04 de maio, tivo
lugar o IV Encontro Solar da UDC, no aparcamento do edificio Xoana Capdevielle,
que consistiu en divulgar as vantaxes e a facilidade de aproveitamento da
Enerxía Solar. Nesta xornada, promovida
pola Oficina de Medio Ambiente e organizada pola Asociacion Ecoloxista ADEGA e
o CIFP Someso, aprendimos e experimentamos distintas aplicacións para aproveitar a enerxía solar, limpa e inesgotábel,
desde a cociña solar, pasando pola visita a instalación de placas
fotovoltaicas, aparellos solares como lanternas, cargadores de móbiles,
secadeiros de roupa...
Comezamos
a xornada ás 10:00 da mañá coa montaxe das carpas, que usamos primeiro para
preparar a comida e posteriormente para o xantar á sombra. Montouse tamén a
exposición de aparellos solares, achegados polo CIFP Someso e ADEGA, entre os
que atopamos un cargador de móbil solar, lanterna solar, quentadores de auga e ducha de auga quente. Tamén puidemos escoitar
música proporcionada por un pinchadiscos solar,
traballo realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Someso, que
alimentaron os seus equipos con placas fotovoltaicas. A electricidade fotovoltaica foi suministrada e montada grazas os alumnos e profesores de Enerxía e Auga do IES Universidade Laboral de Culleredo.
Entre
as 11:00h e as 11:30h fomos introducindo a comida nos fornos e cociñas para que
estivese lista sobre as 14:30. Entre tanto, puidemos relaxarnos ao sol
escoitando a música e vendo as exposicións, e ás 12:30 visitamos a cuberta
CITIC guiada por J.M. Giz, Técnico Superior de mantementos da UDC, quen
nos explicou o funcionamento e das placas solares do edificio e as as súas
vantaxes.
Este
ano conseguimos reunir unhas 70 cociñas solares, e cociñáronse ata 50 receitas
diferentes. A esperada hora do xantar comezou ás 15:00, cando puxemos todas as
preparacións nas mesas e realizamos unha degustación colectiva. Algunhas receitas
foron: cuscús, pizza, lentellas, peixe, ovos, champiñóns recheos, verduras
variadas … e sobremesas como biscoito,
mazás asadas e palmeiriñas con chocolate. Tamén se fixo pan, e infusións durante toda a
mañá.
Unha
vez rematada a sobremesa comezamos a recoller e lavar a louza, cubertos que
cada persoa trouxo da súa casa sen ser de usar e tirar, rematando a xornada arredor
das 18:00.
A
xornada rematou con éxito e foi moi animada durante todo o día, desde a OMA
animámosvos a que aproveitedes o verán para cociñar co sol. É sinxelo, barato e
estamos usando unha enerxía limpa e inesgotábel.
Se
estades interesados/as en facer un forno podedes consultar a seguinte ligazón,
e tamén estar pendentes das actividades organizadas pola OMA para vindeiras
ocasións.
Tamén gravamos un video no que se pode ver como foi a xornada en time lapse, non volo perdades!!
Web do
CIFP de Someso: http://www.edu.xunta.es/centros/cifpsomeso/node/770
Para ver as fotos do encontro solar entra no noso facebook: https://www.facebook.com/Oficina-de-Medio-Ambiente-UDC-
0 comentarios:
Publicar un comentario