O próximo día 28 de abril a Oficina de Medio
Ambiente da UDC xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA invitámosvos a celebrar o
X Aniversario da restauración do Monte da Fraga. Este espazo situado entre as
facultades de Ciencias e Filoloxía (A Zapateira) era un eucaliptal que foi
talado hai agora 10 anos para recuperar a fraga tradicional do lugar. Poderás
ver como saen arriba máis dunha ducia de especies autóctonas dos nosos bosques.
Será unha xornada na que organizaremos diferentes
actividades:
Pola mañá Elvira Sahuquillo, profesora do
Departamento de Botánica da Facultade de Ciencias, guiaranos polo Monte da
Fraga e explicaranos a historia desta iniciativa de restauración levada a cabo
na UDC.
A mediodía a OMA organiza un picnic, nos arredores
da Charca do Monte da Fraga ao que estades todas e todos convidadas. Nós
poñemos uns pinchos, trae ti tamén algo e compartimos entre todas as persoas participantes!
Haberá regalos recordatorios da xornada, e tamén música tradicional, trae o teu
instrumento!!
Xa pola tarde, ADEGA levará a cabo unha xornada de
voluntariado ambiental de Eliminación de flora exótica invasora no Monte da
Fraga. O obxectivo desta actividade é coñecer a problemática das Especies
Exóticas Invasoras (EEI), responsables da perda de biodiversidade da nosa
contorna. Esta
xornada de traballo comezará cunha charla
introdutoria a cargo de Paco Bañobre (ADEGA), sobre a problemática e o
método de traballo coas EEI no salón de actos da Facultade de Ciencias ás 15:30 h, e a
continuación achegarémonos ao Monte da
Fraga a realizar os traballos de eliminación que se estenderán ata as
18:30 h. As prazas son limitadas, polo que será necesaria a inscrición previa.
Ademais durante todo o día, poderase visitar a
Exposición sobre EEI elaborada polo grupo de Bioloxía Costeira (BIOCOST) da
UDC, localizada na Praza da Fraga. Despois de esta xornada, poderédela atopar na
Escola Universitaria de Arquitectura Técnica ata o día 12 de maio.
O programa completo da xornada será o
seguinte:
12:00h
Apertura da Exposición de Especies Exóticas Invasoras.
Presenta Grupo BIOCOST, UDC.
Lugar: Praza da Fraga.
13:00h
Roteiro e Historia dos 10 anos do Monte da Fraga*.
Guía Elvira Sahuquillo, UDC.
Punto de encontro: Entrada
principal da Facultade de Ciencias.
14:00h
Picnic e animación con música tradicional.
Lugar: Monte da Fraga, área
da Charca.
15:30
- 18:30h Xornada de voluntariado ambiental: Eliminación de Especies Exóticas
Invasoras*.
Organiza ADEGA.
15:30h: Presentación da
xornada: Salón de Actos da Facultade de Ciencias.
* Inscricións en oma3@udc.es, indicando a que actividade te queres anotar (Roteiro/Eliminación/Todas),
o teu nome completo e DNI.
O X Aniversario do Monte da Fraga é unha celebración
ao aire libre: dependerá da previsión meteorolóxica, polo que se chove moito,
adiaremos a actividade, nese caso anunciarase no Blog e Facebook da OMA. Estade
atentas e atentos...!
Para máis información e imaxes de actividades
realizadas pola OMA e ADEGA no Monte da Fraga, premede nas seguintes ligazóns:
-
III Premios ao voluntariado
universitario: "Voluntariado ambiental no Monte da Fraga" https://www.youtube.com/watch?v=PLFpcQvtUhw
0 comentarios:
Publicar un comentario