12/05/2016

CRONICA X ANIVERSARIO MONTE DA FRAGA

bolseirxs OMA-UDC
O pasado día 28 de abril a Oficina de Medio Ambiente da UDC xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA celebramos o X Aniversario da restauración do Monte da Fraga. Este espazo, situado entre as facultades de Ciencias e Filoloxía (A Zapateira), era un eucaliptal que foi tallado hai agora 10 anos para recuperar a fraga tradicional do lugar, onde agora crecen máis dunha ducia de especies autóctonas dos nosos bosques, repercutindo no aumento de biodiversidade vexetal e animal.
Nesta xornada de celebración tiveron lugar diferentes actividades:
Comezamos pola mañá ás 12 horas, visitando unha exposición sobre Especies Exóticas Invasoras (EEI) elaborada polo grupo de Bioloxía Costeira (BIOCOST) da UDC, formado por paneis explicativos situados na Praza da Fraga. A apertura de esta exposición foi presentada por Sergio Roiloa, profesor de ecoloxía na facultade de ciencias da UDC, quen nos deu unha interesante charla sobre a problemática da expansión destas especies na conservación da biodiversidade autóctona. O interese dos participantes propiciou o debate e intercambio de ideas sobre o tema, no que Sergio e outras persoas asistentes con coñecementos, solucionaron as dúbidas sobre as EEI en Galiza.

De seguido, ás 13 h. tivo lugar o roteiro polo Monte da Fraga, a segunda edición neste curso académico, e que foi guiado de novo por Elvira Sahuquillo, profesora de botánica da Facultade de Ciencias da UDC, que nesta ocasión se centrou máis na historia dos 10 anos de evolución do monte. Durante o agradable paseo puidemos coñecer máis a fondo esta iniciativa de restauración do monte, que comezou no ano 2006 coa tala dos eucaliptos que invadían a superficie. Despois de reforestar, o avance da flora autóctona foi considerablemente rápido neste espazo tan curto de tempo, contando hoxe en día cunha fraga na que crecen as especies autóctonas máis representativas dos nosos bosques.


Trala xornada de mañá, a OMA e ADEGA organizaron un picnic na Praza da Fraga que comezou ás 14 horas, onde disfrutamos de música e bailes tradicionais mentres descansamos comendo cos amigos. Non faltaron as tradicionais empanadas e as tortillas, e contamos cunha boa variedade de comida e postres caseiros grazas ás achegas dos participantes. A OMA agasallamos aos asistentes cunha chapa conmemorativa da xornada.



Pola tarde, levamos a cabo a eliminación de Especies Exóticas Invasoras, actividade que comezou cunha charla introdutoria a cargo de Paco Bañobre (ADEGA), quen nos explicou a principal problemática das EEI, que é a segunda causa da perda de biodiversidade no mundo (a primeira é a destrución directa do hábitat), vimos que tipos de especies invasoras hai en Galiza, as posibles causas e os pasos a seguir para eliminalas. Xa con estes coñecementos, achegámonos ao Monte da Fraga a facer o traballo de campo, onde se nos proporcionou o material necesario e nos dividimos en dous grupos para eliminar manchas de acacia negra, eucalipto e herba da pampa. Foi sobre esta última sobre a que actuamos máis intensamente, obtendo seis sacos de raíces ao final da xornada. Tanto os plumeiros como as raíces desta planta foron retiradas máis tarde polos servizos de xardinería da UDC, xa que debido á facilidade de enraizar de novo, o aconsellable é a súa retirada.


A xornada concluíu con éxito, nun día agradable soleado, tras ter aprendido, festexado e traballado no Monte da Fraga.

Podes ver todas as fotos da xornada no noso facebook https://www.facebook.com/Oficina-de-Medio-Ambiente-UDC-

Para coñecer máis e anotarte nas actividades da OMA na UDC, síguenos no Facebook e Twitter, e tamén no noso Blog.

bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib