Por Óscar Martínez, bolseiro da Oficina de Medio Ambiente da UDC
Delegación da UDC no Climathon 2019 |
O Climathon Galicia 2019 desenvolveuse o 25 de outubro en horario de 10 a 22 horas, sendo polo tanto unha maratón para a aprendizaxe na problemática do Cambio Climático que na presente convocatoria levou o lema de “Cambiemos nós e non o clima”. Organizado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, trátase de unha xornada enmarcada no Climate-KIC mundial, na que no presente ano se inscribiron 123 participantes.
A sede do Climathon Galicia foi o Centro de Estudos Avanzados en Santiago de Compostela, ao que asistiron unhas 100 persoas, procedentes principalmente das tres universidades galegas e con representación tanto de alumnado como de profesorado. Así mesmo, houbo representación de persoas que asistiron por terse inscrito de forma independente. No grupo de 11 persoas da UDC estivo representado o alumnado e o profesorado de diferentes áreas de coñecemento, desde representantes dos Comités Green Campus e Oficina de Medio Ambiente, como alumnado de titulacións científico-técnicas principalmente.
Na xornada de mañá desenvolveuse a Mesa de debate I: Como comunicamos o cambio climático? Na cal participaron persoas expertas xornalistas, de ciencias do comportamento e de movementos sociais,sendo moderada pola Subdirectora Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, María Luz Macho. Formación da Mesa de debate I:
- María Cruz Ferreira, Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático
- Gonzalo Fernández, experto en Ciencia do comportamento
- Javier Valenzuela, Vicepresidente da Asoc. de xornalistas de Información Ambiental
- Xavier Fonseca, xornalista científico de La Voz deGalicia
- Kais Lois Baltrusch, representante de Fridays for Future Compostela
Ao remate desta Mesa de debate, producíronse intervencións espontáneas do público asistente, con diferentes puntos de vista nas intervencións, sobre todo de orixe científica, periodística e institucional. Diferenzas que tamén estiveron presentes durante o desenvolvemento dos relatorios da mesa de debate.
Na xornada de tarde desenvolveuse a Mesa de debate II: É hora de actuar. Moderada por María Cruz Ferreira e coa seguinte formación:
- Silvana Longueira, coordinadora do Plan de desenvolvemento sostible da USC
- José Manuel Viñas, propulsor de Open Science Cambree Ciencia cidadá
- Beatriz García, representante de Teachers for Future Spain
- Emma Colquhoun, representante de Nais polo Clima
Esta vez o tema foi a implementación de accións concretas que poidan mellorar a sustentabilidade, sobre todo, no ámbito da educación en centros de primaria e secundaria. Con perspectivas tanto de profesores e coordinadores como de asociacións de nais, mostraron o intenso traballo que en todos os casos se fai de forma voluntaria para actuar na problemática do cambio climático.
Durante a xornada levouse a cabo o traballo en grupos formados por sorteo, resultando en grupos heteroxéneos, co obxectivo da Elaboración de ideas innovadoras que facilitasen un cambio de conduta social que aproximase a Galicia a unha situación de territorio 100%sustentable. A dinámica de traballo organizouse do seguinte modo, completando os puntos que se mostran a continuación, para logo facer a presentación pública en 4 minutos na última hora da tarde:
1) Idea: brain storming de achegas das persoas do grupo
2) A quen se dirixe
3) Recursos
4) Obstáculos
5) Actividades a desenvolver para que se poida levar a cabo a idea
As ideas pasaban dende sistemas de desconto por puntos mediante clasificación dos produtos pola súa pegada ecolóxica (etiquetas por cores), internalización dos costes da incorrecta separación de residuos e ata ocio sostible coa organización de festivais de música con 0% pegada ecolóxica. Como gañadora resultou a idea “Cámbiao. Come da horta”, baseada nunha app de economía colaborativa empregada como rede de conexión para establecer relacións de troco de excedentes entre pequenos produtores agrarios, do grupo no que formou parte Óscar Martínez, integrante do noso grupo da UDC.
Na xornada fixéronse 2 pausas de café, e unha no xantar, descansos que foron proveitosos para a interacción con outras persoas participantes no evento, podendo intercambiar posturas e ideas co resto de xente que non nos tocara no grupo dunha forma máis informal.
A media tarde tivo lugar a actuación do monologuista Pedro Brandaríz, que rebaixou a tensión dos grupos de traballo e relaxou o ambiente, permitindo gozar de xeito distendido a posterior pausa para o café.
Ligazóns:
0 comentarios:
Publicar un comentario