O mércores 23 de outubro tivo lugar a inspección do río Lagar, organizada pola Asociación Ecoloxista ADEGA e enmarcada dentro do Proxecto Ríos.
Este proxecto é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos río sde Galicia, cunha traxectoria de 15 anos recén cumpridos neste 2019.
Á inspección acudiron un grupo de estudantes do Grao de Bioloxía, así como algunhas persoas alleas e da propia Oficina de Medio Ambiente (OMA), sumando un total de 20 participantes.
O obxectivo da inspección foi principalmente formativa. Ao comezo da actividade, explicouse a metodoloxía empregada en ADEGA para inspeccionar os ríos e comprobar a situación dos seus ecosistemas. Repartíronse unhas fichas entre os participantes para recoñecemento do ecosistema de ribeira e da flora e fauna: macroinvertebrados (bioindicadores da calidade da auga), peixes, anfibios, especies invasoras.
Despois das explicacións, chegou a hora de poñerse mans a obra. Fixéronse grupos
de 4 persoas, cada grupo cunha ficha de campo, unha bandexa, varias placas de petri e pinzas. O coordinador meteuse no río (como podemos ver na foto) para a toma de mostras nas bandexas, removendo o chan coas botas e axudándose dun trueiro.
Coa axuda das pinzas, cada grupo foi retirando os restos de lama e follas da tina, descubrindo así a fauna do río. En xeral, os animais encontrados eran todos de pequeno tamaño, aínda que algúns sorprenderon pola súa forma ou por como se desprazaban.
Os principais macroinvertebrados que se encontraron foron das familias Hydropsychidae (tricóptero), Chironomidae (díptero), Planaria, Odonatos (larvas de libeliñas),e escorpións de auga, entre outros.
Unha vez identificadas as especies existentes nas mostras, fíxose unha posta en común de todo o encontrado.
Como cada especie ten unha capacidade de supervivencia distinta, ou dito de outro modo, ten unha tolerancia maior ou menor á contaminación, empregáronse estas diferenzas como indicador da calidade do río, podendo clasificar as familias de macroinvertebrados con un abano de cor desde o verde ao vermello.
O resultado foi: 2 especies clasificadas na cor verde, e 7 especies na cor amarela, correspondéndose con unha calidade da auga “Moderada” seguindo o criterio de biodiversidade de macroinvertebrados.
A continuación fíxose a análise físico-química da auga, obtendo como resultados: pH 7 (neutro, correcto polo tanto para a saúde do río), nitratos presentes en baixa concentración (aceptable dado a situación do río Lagar, urbana e entre dúas estradas).
Para finalizar, queremos agradecer a ADEGA a grande labor que realizan día a día. Esta actividade lembrounos unha vez máis a necesidade de coidar os nosos ríos.
Se queres participar nalgunha actividade coma esta, non dubides en contactar coa OMA:
oma2@udc.gal
0 comentarios:
Publicar un comentario