O próximo 04 de maio terá lugar o IV Encontro
Solar da UDC, no aparcamento do edificio Xoana Capdevielle, promovido pola Oficina
de Medio Ambiente e organizado pola Asociación Ecoloxista ADEGA e o CIFP Someso,
xuntarémonos para cociñar e facer unha degustación de comida solar.
Paralelamente teremos unha exposición de diferentes aparellos solares e visitas
a instalacións de enerxía renovable na UDC.
O ano pasado
reuníronse 50 cociñas solares e 35 receitas diferentes. O obxectivo deste ano é
reunir, polo menos, 100 cociñas e
fornos, e algunha sorpresa máis. Axúdanos a conseguilo!.
Que non tes forno solar? No apartado de bioconstrución da web do CIFP Someso, ou na revista CERNA,
tes á túa disposición as instrucións para a súa construción. O custo aproximado
deste tipo de forno é duns 3 a 5 euros se te fas con materiais recuperados e os
reciclas. Unha vez teñas o material, xúntate con uns amigos e en tres horas
podedes ter o forno listo.
O IV Encontro Solar pretende ser un espazo de participación que
divulgue as aplicacións da enerxía solar na vida cotiá e fomente o seu uso.
Nesta mostra realizaranse diversas actividades que pretenden crear unha nova
cultura enerxética que incida na redución e na eficiencia do consumo. Un cambio
de comportamento preciso, encamiñado a mitigar o cambio climático.
O programa
completo da xornada será o seguinte:
10:00h Montaxe dos fornos, cociñas e exposición dos
aparellos solares*.
11:30h Introducimos a comida nos fornos e cociñas.
12:30h Enerxía solar fotovoltaica: Visita a cuberta CITIC
guiada por J.M. Giz**. Punto de
encontro: mesa da OMA* situada no Encontro Solar.
14:00h Xantar colectivo e degustación de comida solar*.
16:30h Recollemos
Durante toda a xornada:
-
Exposición de aparellos solares,
achegados polo CIFP Someso e ADEGA, e polas demais persoas e entidades
participantes*.
-
Exposición itinerante "A Enerxía
Solar", de ADEGA.
-
Mesa de experimentación e aprendizaxe de
enerxía solar.
* Para participar na montaxe e exposición dos fornos, no
xantar, e na visita, é necesario anotarse a través deste formulario (pincha aquí)
** J.M.Giz é Técnico Superior de mantementos da UDC.
Para a celebración do Encontro Solar necesitaremos que o SOL estea con nós,
polo que, en función da previsión
meteorolóxica, poderá ter que adiarse a xornada. Nese caso, anunciarase no
Blog e Facebook da OMA. Estade pendentes...!
Data e hora: 04 de maio, de 10:00 a 16:30.
Lugar: aparcamento do edificio Xoana Capdevielle da UDC.
Inscricións: a través de google forms (pincha aquí)
e no apartado de Bioconstrución da
páxina web do CIFP de Someso: http://www.edu.xunta.es/centros/cifpsomeso/node/93
Instrucións para a construción
dun forno solar:
Álbum fotográfico do III Encontro Solar (2015) na seguinte ligazón:
0 comentarios:
Publicar un comentario