06/04/2016

CRÓNICA DA PODA PARTICIPATIVA NO MONTE DA FRAGA

bolseirxs OMA-UDC
O pasado luns 22 de febreiro a Oficina de Medio Ambiente en participación coa Asociación Ecoloxista ADEGA, levou a cabo unha xornada de poda participativa no monte da fraga.
O Dr. Javier Cremades Ugarte (Profesor titular de botánica na UDC), deu unha charla introdutoria das ideas chave sobre a poda no salón de actos da facultade de Ciencias e posteriormente, saímos ao Monte da Fraga a poñernos mans á obra no obradoiro de poda e titorización de árbores froiteiras e frondosas.


Na charla, Javier Cremades deu resposta a cuestións importantes sobre a poda, entre elas:
Porqué podar? Principalmente pódase para eliminar ramas (danadas, enfermas, etc.); modelar plantas, estimular o seu desenvolvemento e mellorar a súa produción.
Que plantas se podan? Isto depende do tipo de crecemento que exprese a planta. Danse dous, monopódico (as ramificacións brotan dunha mesma xema apical, un exemplo típico é o pino) e simpódico (as xemas sucédense unhas a outras, neste caso o exemplo sería o carballo). As plantas con crecemento monopódico pódanse moito menos que o simpódico e de xeito máis controlado.
Cando se podan? Depende de cal sexa a finalidade da poda. Normalmente faise cando a planta se atopa en repouso vexetativo, cando o noso obxectivo sexa modelar e estimular o desenvolvemento.  E pódase en calquera momento cando a poda se realiza para eliminar ramas danadas e mellorar a produción. Tamén na poda se ten en conta a fase luar, sendo a mellor a lúa minguante, cando a planta está menos activa.

Como podamos? O corte debe de ser nin demasiado cerca da xema nin demasiado lonxe, e non debe de ser plano, senón con ángulo para que non se acumule auga.
Con que podamos? Con material axeitado, como serras, podóns, tesoiras de poda, segundo o grosor das ramas a cortar, incluso motoserras. É importante que estean limpas, afiadas e desinfectadas. Ademais é aconsellable poñer luvas. Ao remate da poda utilízanse produtos cicatrizantes para protexer as feridas feitas ás árbore.

A continuación, fomos ata o Monte da Fraga a experimentar estas indicacións nós mesmos: Nunha primeira parada realizamos a poda de unha parcela de frondosas (carballos e castiñeiros) que levaban plantados desde os primeiros anos de reforestación do monte, e o obxectivo foi darlle forma e clarear o terreo, para que as árbores medraran con máis forza. Nunha segunda parada achegámonos á área onde se atopa a Charca, onde se plantaron o ano pasado unha serie de cerdeiras, e tamén frondosas. Debido á pendente dese terreo e ao efecto do vento, estas árbores estaban a medrar retorcidas, polo que a actuación que fixemos eiqui foi dotalas de patróns para guialas, así como limpar o alcorque e incluso transplantar algún carballo, aproveitando para engadirlle compost como fertilizante das nosas áreas de compostaxe.


Podes ver todas as fotos da xornada no noso facebook.






bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib