O pasado mércores 6 de Abril a Oficina de Medio Ambiente da UDC en
colaboración con ADEGA organizaron a inspección de primavera do Proxecto Ríos,
que tivo lugar no río Lagar no treito que pasa enfronte da Fac. Económicas da
UDC.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e
participación cidadá na defensa dos ríos galegos, baséase na inspección do
estado dos ríos por parte de persoas voluntarias que a realizarán dúas veces ao
ano: campaña de outono e de primavera. O obxectivo final destes grupos de
voluntariado é facerse responsábeis da vixilancia do río que pasa polo seu
municipio ou localidade.
Máis información en: www.proxectorios.org
Igual que na campaña de outono, tamén contamos coa colaboración de Paco
Bañobre, da asociación ecoloxista ADEGA
e coordinador de grupos do Proxecto Ríos, que nos explicou o Proxecto e os
criterios para analizar a calidade dos ríos. Os participantes fomos cubrindo a
folla de inspección onde se responde a preguntas sobre parámetros físicos (como
o caudal do río, presenza de rápidos...), químicos (pH, osíxeno disolvido,
nitratos...) e biolóxicos (bosque de ribeira, macroinvertebrados...)
Os macroinvertebrados son bioindicadores de calidade das augas, que tomamos
como referencia para adxudicar un índice de calidade a este treito do río
Lagar. Nesta campaña atopamos menor cantidade de invertebrados, iso pode ser
debido a que nesta época a maior parte deixan a súa fase larvaria e pasan a convertérense
en adultos, por iso se realizan os estudos en outono e primavera. Coa axuda de
Paco Bañobre e das fichas, puidemos identificar, entre outras, diferentes
especies de libelúlidos e de ganmáridos, especies que indican unha Calidade
Moderada do río, ao igual que se obtivo na campaña de outono.
Entre os parámetros físico – químicos obtivemos pH en torno a 7, que é pH
neutro óptimo para a vida, e Tª de 15ºC, un pouco alta para os ríos galegos,
que adoita atoparse sobre os 13ºC, isto pode ser debido a que nos atopamos nun
treito de río urbano, moi recollido, tanto polos edificios como polo microclima
creado.
Visita o noso Facebook onde atoparás o álbum fotográfico da xornada.
Para coñecer e anotarte en outras actividades da OMA, faite seguidor do
noso Facebook, Twitter e visita o noso
Blog medioambienteudc.blogspot.com.es.
0 comentarios:
Publicar un comentario