O xoves
07 de abril tivo lugar no campus da Zapateira o curso de formación sobre a
compostaxe. O obxectivo deste curso foi
capacitar tanto ao persoal bolseiro como ao resto da comunidade universitaria
para xestionar os restos orgánicos mediante a compostaxe, ademais da necesidade
de concienciar sobre o coidado do medio ambiente. A Oficina de Medio Ambiente
da UDC instalou varios composteiros comunitarios neste campus que son
xestionados por persoal bolseiro da OMA e de ADEGA (Asoc. Para a defensa
ecolóxica de Galiza), onde o persoal dos comedores universitarios deposita os
restos orgánicos para convertelos en compost.
Dende a Oficina de Medio Ambiente vemos a
necesidade de compostar os restos orgánicos para devolverlle nutrientes ao solo
en forma de compost. Pechamos o ciclo da materia orgánica e evitamos a
contaminación por fertilizantes químicos. O compost obtido dos restos do
comedor úsase no propio campus e nas hortas comunitarias.
A
xornada comezou cunha charla introdutoria de Manuel Soto, profesor de Enxeñaría Química (onde imparte materias
relacionadas co tratamento de residuos) e director da Oficina de Medio
Ambiente, na que se explicou en que consiste a compostaxe: é un proceso natural que, condicionado e axudado polas
persoas, permite descompoñer os restos de materia orgánica e convertelos nun
fertilizante estábel e de calidade. Visualizamos un vídeo divulgativo do
programa de compostaxe que recentemente botou a andar na cidade de Pontevedra,
e observamos diferentes imaxes de Modelos de compostaxe que se poden levar a
cabo, como a compostaxe individual (en vivendas familiares con zona verde, como
exemplo as campañas de compostaxe das que se encarga ADEGA), compostaxe
comunitaria (para zonas comúns de conxuntos de vivendas, por exemplo o xardín
de unha urbanización), e compostaxe en planta (onde se dispón dunha instalación
dunha planta de compostaxe para o tratamento da fracción orgánica proveniente
da recollida selectiva que se transporta ata esta planta). As explicacións
foron acompañadas de rolda de preguntas nas que os participantes solucionaron
as dúbidas sobre o proceso, e de observación de diferentes edicións de Manuais
de compostaxe, un deles elaborado por ADEGA foi repartido entre os asistentes
ao remate da charla.
A continuación visitamos as áreas de compostaxe onde se
están a recoller os restos das cafeterías do campus da Zapateira, que son
xestionadas polo persoal bolseiro da OMA. Nesta demostración práctica
comprobamos as diferentes fases do proceso da compostaxe: nalgún
dos casos observamos como a masa de residuos do composteiro está fermentando,
mentres que noutros o compost se atopa nunha fase máis avanzada, podendo
comprobar a temperatura acadada, diminución do volume e aparencia dun compost
en bo estado. As áreas visitadas foron as de Filoloxía (onde se recollen os
restos do comedor da Facultade de Filoloxía), e a da Praza da Fraga (onde se
recollen os restos do comedor da Facultade de Ciencias e da EUAT). Nesta última
área tamén aprendemos o manexo in situ: montaxe/desmontaxe de un composteiro,
material necesario e forma de traballar.
Para
finalizar a actividade con unha visión total do proceso do compost, utilizamos
o mesmo como fertilizante para plantar unha hortiña urbana situada nesa mesma
área da Praza da Fraga. Escollemos plantar leitugas, tomates, pementos
de Padrón, cebolas, xudías, fresas e algunha planta aromática para favorecer a
polinización, xa que no mes de abril o risco de xeadas é menor, é polo tanto a
época axeitada para comezar a plantar a horta da que teremos os froitos nuns
meses.
Antes de marchar repartimos
aos participantes unhas bolsiñas do compost feito na UDC e unhas estacas de
framboesa para plantar nas súas hortas.
Esperamos que todas e todos
disfrutaran do cursiño e lles sexa de utilidade!
Para coñecer máis e
anotarte nas actividades da OMA na UDC, síguenos no Facebook e Twitter, e tamén
no noso Blog.
0 comentarios:
Publicar un comentario