Blog dedicado as actividades que realiza a oficina medioambiental da Universidad da Coruña

NP. PODA PARTICIPATIVA NO MONTE DA FRAGA

O próximo luns día 22 de febreiro a Oficina de Medio Ambiente da UDC, xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA, organizaremos  unha xornada de Poda participativa no Monte da Fraga.
A xornada de traballo comezará ás 15:30 h cunha charla introdutoria á técnica de poda e tamén de titorización, dirixida polo Dr. Javier Cremades Ugarte (Profesor titular de botánica na UDC), no Salón de Actos da Facultade de Ciencias. Posteriormente realizarase o obradoiro de poda e titorización de árbores froiteiras e frondosas.

O Monte da Fraga estaba convertido nun eucaliptal que foi talado pola UDC en 2006, para recuperar a antiga fraga. Nese momento, reforestouse a maior parte deste espazo, uns 15000 m2, con especies autóctonas como por exemplo acivro (Ilex aquifolium), bidueiros (Betula alba), carballos (Quercus robur ), castiñeiros (Castanea sativa), freixos (Fraxinus excelsior), loureiro común (Laurus nobilis) e tamén cerdeiras (Prunus avium), que contribúen favorablemente debido a que os paxaros se alimentan dos seus froitos. Dez anos despois, toda a zona comeza a tomar a forma de bosque, e está á túa disposición para visitar e gozar.

A última zona de eucaliptos foi talada en 2012 polos danos que causaban aos edificios e ás persoas usuarias. Na Oficina de Medio Ambiente estamos recuperando esta zona mediante o que se chama “reforestación participativa”. En cursos anteriores plantáronse especies diversas e erradicáronse especies alóctonas invasoras.
Debido aos efectos do vento, as árbores novas precisan de coidados, que nesta ocasión serán axudadas con titores que as manteñan erguidas, e tamén as podaremos para favorecer o seu crecemento.
Podes inscribirte de forma gratuíta enviando un correo co teu nome e DNI a oma3@udc.es

Data e hora: 22 de febreiro, 15:30h.
Lugar: Salón de Actos da Facultade de Ciencias (A Zapateira)
Para máis información, visita o noso facebook e blog. http://medioambienteudc.blogspot.com.es/
*Se chove un pouco, levade roupa e calzado axeitado.
*Se chove moito, anunciaremos no noso facebook e blog outra data para a actividade.


Share on Google Plus

0 comentarios: