10/02/2016

CRÓNICA DA ACTIVIDADE "AVES E VIDROS"

bolseirxs OMA-UDC
O pasado mércores día 3, máis de unha ducia de persoas participaron nunha charla – obradoiro que tivo lugar na ETS de Arquitectura, sobre “Aves e vidros: unha visión local dun problema global”, organizada pola OMA coa colaboración de ADEGA, e a participación dos ornitólogos do Grupo Naturalista Hábitat, de Cachi Veiga, Manuel Carregal e Roberto Bao. A finalidade desta xornada foi a sinalización de vidreiras problemáticas para a mortalidade de aves no Campus.

A actividade comezou con unha charla impartida polos ornitólogos Cosme Damián Romay e Gustavo Ferreiro, que nos explicaron como o aumento exponencial de edificacións con vidreiras, xunto con unha maior contaminación lumínica, pode chegar a afectar as pautas migratorias das aves, facendo  que colisionen contra os vidros, causando unha mortalidade anual de máis de cen millóns de exemplares. Explicáronse os 3 tipos posibles de colisión (por reflexión; por transparencia, o chamado efecto túnel; e por iluminación), así como as medidas a adoptar para  que isto deixe de suceder. Algunhas destas medidas son a colocación de adhesivos, o apagado da iluminación nocturna dos edificios, e a inclinación dos vidros para que non causen un efecto de reflexión da paisaxe, entre outros.



Despois de unha rolda de preguntas, pasouse ao obradoiro de siluetas, impartido por ADEGA. A partir de moldes xa elaborados, reproducimos siluetas de diferentes especies de aves e de tamaños variados.

Para rematar a xornada, escollemos un dos lugares conflitivos do campus da Zapateira para facer a pegada das siluetas, tratouse da pasarela peonil de Filoloxía, onde o motivo das colisións é o efecto túnel. Aprendemos a colocar os adhesivos, tendo en conta que estes non funcionan pola propia forma da silueta, senón polo feito de cubrir o vidro, sen deixar ocos grandes entre eles e dispoñéndoos alternados entre as dúas pasarelas de vidro. Podedes ver o resultado no albume fotográfico.
Outros lugares conflitivos nos campus onde sería aconsellable continuar coa pegada de siluetas, sería o Pavillón de Estudantes (lugar máis crítico), o CITIC, a planta baixa da Facultade de Ciencias, o edificio de Departamentos de Filoloxía e o novo anexo de Arquitectura. Tamén sería de interese probar con outro tipo de adhesivos, como os que son capaces de reflectir a radiación ultravioleta, ou con tonalidades claras.



bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib