26/03/2014

bolseirxs OMA-UDC

Crónica reforestación participativa do Monte da Fraga e restauración da charca


No marco do día da árbore e da auga, o 19 de marzo, dentro do proxecto de restauración participativa do Monte da Fraga a Oficina de Medio Ambiente da UDC coa colaboración da Asociación Ecoloxista ADEGA organizou unha plantación onde se plantaron especies autóctonas nunha área situada entre as facultades de Filoloxía e de Ciencias, na Zapateira.






O espazo escollido estaba antigamente ocupado por eucaliptos de gran porte que foron cortados en cursos anteriores por mor dos problemas de seguridade para as persoas e as instalacións. Hoxe continúase co seu control para evitar o rebrote e coas actividades de reforestación.

No proxecto establecéronse tres áreas diferenciadas con diferentes especies segundo o uso que se vai a dar a cada unha das zonas. Procedeuse a crear un corredor de carballos tanto autóctonos como americanos (Quercus robur e Quercus rubra)  e castiñeiros (Castanea sativa) a carón do camiño que une ciencias con filoloxía. Estes exemplares foron sementados na pasada temporada e teñen un porte de entre 20-50 cm. Plantáronse no mesmo buraco entre 2-4 exemplares coa intención de cubrir a posible mortalidade.




Na zona superior da área a reforestar, ao lado da estrada, iniciouse a creación de sebes coa intención de que ao medrar, illen  todo este espazo do ruído dos coches, en particular a zona da charca situada inmediatamente por baixo. Nesta zona podemos atopar exemplares de acivro (Ilex aquifolium), loureiro común (Laurus nobilis) e  laureiro real (Prunus laurocerasus).

A última zona na que se procedeu a reforestar é a situada por baixo da charca e nela podemos atopar cerdeiras (Prunus sp.) e érbedos (Arbutus unedo), árbores moi valoradas por diferentes especies animais debido aos seus froitos.




Tamén, enmarcada neste proxecto desenvolveuse a restauración da Charca. A charca da UDC creouse en abril de 2013, nunha das actividades de voluntariado organizadas pola OMA en colaboración con Charcas con Vida. Esta charca está impermeabilizada cunha lona EPDM, e ten un tamaño aproximado de 8 m x 3 m. A auga da charca é de orixe natural e estacional (chuvia), polo que no verán adoita secar. Dita charca forma parte do proxecto de restauración do Monte da Fraga no campus da Zapateira. Para a charca, recolléronse especies vexetais no humidal para depuración existente no Campus da Zapateira: espadanas (Typha latifolia), xuncos (Juncus sp.) e lirios (Iris pseudacorus). As plantas colocáronse arredor da charca, e tamén dentro nunhas macetas de barro. Ao redor tamén se fixo un estaquillado de especies autóctonas como salgueiros (Salix sp.), bidueiros (Betula alba) e sabugueiros (Sambucus nigra).

Tamén se recolleu lixo que había dentro da charca, probablemente levado polo vento desde as áreas próximas. Despois das labores  de plantación procedeuse a colocación dunha malla vexetal nalgunhas partes nas que se podía ver a lona impermeable. Deste xeito creouse un substrato que axuda a revexetar as beiras da charca.

As árbores usadas na reforestación foron doadas tanto por particulares como pola propia Facultade de Ciencias, a quen lle agradecemos sinceramente o apoio.





Grazas ademais a todas as persoas voluntarias que participaron nesta actividade!!


Podedes ver as fotos da actividade na nosa páxina de facebook Oficina de Medio Ambiente UDC no álbum Restauración Participativa no Monte da Fraga.


bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib