O
pasado mércores 22 de maio tivo lugar no monte da Fraga (Campus da Zapateira) a
sexta actividade da III Edición da Primavera Ambiental da UDC, un ciclo de
conferencias e obradoiros organizados pola Oficina de Medio Ambiente en
colaboración con ADEGA. Celebramos o Día Mundial da
Biodiversidade construíndo unha charca no monte da Fraga co obxectivo
de naturalizar este espazo fortemente castigado por presións antrópicas.
Despois dunha pequena rolda de preguntas
por parte dos voluntarios e voluntarias trasladámonos ao monte da Fraga para
comezar a xornada de traballo. Alí, una pequena escavadora axudounos a retirar
as pedras máis grandes e iniciar a escavación para despois poñernos mans á obra
e facer a nosa charca. A charca creada ten unhas dimensións de 7 metros de
longo por 3,5 metros de largo. Con ferramentas habituais (pás, sachos, pisóns…)
deixamos o buraco feito para acto seguido proceder a impermeabilizar a charca. Para
isto colocamos unha cama de palla para
evitar a rotura da lona e por riba unha lona
plástica.
Ao
mediodía paramos un anaquiño para tomar o xantar con produtos ecolóxicos e de
comercio xusto.
Despois
do descanso volvemos ao traballo. Xa só nos quedaba rematar a charca, así que unha
vez colocada a lona cubriuse o fondo e os laterais con terra e puxéronse pedras
nos bordes para suxeitar o terreo. Tan só falta agardar a que veña a choiva
para que se encha de auga e nos poidan visitar os primeiros habitantes!
As charcas son pequenos ecosistemas cun gran valor ecolóxico,
porén apenas teñen sido obxecto de iniciativas para o seu estudo e conservación
en Galiza. A desaparición destes lugares contribúe ao empobrecemento da nosa
paisaxe, á extinción de comunidades de flora e fauna, e á perda dos beneficios
que nos ofrecen os ecosistemas. É por iso que con esta actuación
pretendemos difundir a importancia das charcas e favorecer a biodiversidade na
zona do monte da Fraga, un espazo anteriormente ateigado de eucaliptos, especie
exótica invasora, que impediron a proliferación de moitas outras especies.
Podedes visitar as fotos realizadas durante a actividade na nosa páxina de Facebook "Oficina de Medio Ambiente UDC" ou no seguinte enlace: Album web de la OMA#
0 comentarios:
Publicar un comentario