29/04/2013

Crónica do I Encontro Solar na UDC

bolseirxs OMA-UDC
    O pasado mércores 24 de abril tivo lugar na Praza da Fraga (Campus da Zapateira) a primeira edición do Encontro Solar na UDC. Esta era a terceira das actividades contidas dentro da III Primavera Ambiental da UDC, un ciclo de conferencias e obradoiros organizados pola Oficina de Medio Ambiente en colaboración con ADEGA.

Esta actividade contou no seu programa cunha exposición de aparellos solares, un obradoiro de gastronomía solar, un Roteiro solar pola UDC e un mercadiño de troco. 

Desde as 11 da mañá e até as 4 da tarde a comunidade universitaria puido visitar a exposición de aparellos solares instalada na Praza da Fraga, dende cociñas e fornos, ate cargadores para o teléfono móbil, lanternas, xoguetes…todos eles funcionaban coa enerxía do sol, e o tempo acompañounos pois tivemos un día moi soleado.
 

 
 
Aproveitamos a exposición para divulgar entre o estudantado da UDC a aplicación da enerxía solar na vida cotiá e fomentar o seu uso. Para isto utilizáronse as cociñas e fornos para preparar quiche de espinacas, pizza, mazás asadas, café e té para repartir entre as persoas asistentes.

Realizouse tamén un Roteiro Solar, visita a tres actuacións da UDC en materia de enerxía, guiada por Jesús Manuel Giz Novo, Técnico Superior de Mantementos da UDC. A visita comezou ás 12 no estacionamento da Facultade de Ciencias, onde visitamos as chemineas das novas caldeiras de gas que substitúen á antiga de gasóleo. Esta actuación supuxo un aforro nos custos de produción de calor do 30%, ademais dunhas menores emisións ao utilizar un combustible máis limpo, e unha mellora paisaxística do contorno. Seguidamente visitamos a instalación solar fotovoltaica situada no CITIC (Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación) que consta de 60 paneis de silicio monocristalino con orientación sur fixa. Esta instalación ten unha produción anual de aproximadamente 10.250 kWh de enerxía e a súa venda supón uns ingresos para a UDC de ao redor de 5.150 € anuais. Xa para rematar visitamos o edificio Xoana Capdevielle onde nos contaron o proxecto de bioclimatización levado a cabo para mellorar as condicións da aula de estudo que alí se atopa e que dá cabida a máis de 500 persoas. Entre as actuacións feitas destacan a plantación dunha hedra de folla caduca que cubre a parede acristalada suroreste da aula de estudo para dar sombra no verán e permitir a entrada de luz no inverno, a instalación de ventás abatibles no teito que permiten que exista fluxo de aire e a instalación de ventiladores convencionais que contribúen a refrixerar o interior.

 


Tamén tivo lugar durante toda a xornada un mercadiño de troco no que os universitari@s podían deixar cousas que xa non precisan (libros, roupa…) e trocalos por algo que lles interesase, apostando deste xeito pola reutilización.

Nesta mostra realizáronse diversas actividades que pretenden crear unha nova cultura enerxética que incida na redución e na eficiencia do consumo. Un cambio de comportamentos preciso, encamiñado a mitigar o cambio climático. 


Máis información sobre actuacións da UDC en enerxía: 


Novas sobre o I Encontro Solar na UDC

bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib