Por David Posada Fernández,
Bolseiro de Green Campus, curso 2021-2022
O venres 5 de novembro de 2021 realizouse unha saída de campo
polo Monte da Fraga con identificación de fungos, guiada por UDCBIGBANG.
O biólogo Nacho Delgado guiou a actividade que contou con 25 participantes. Previamente á saída, realizou unha breve introdución sobre os fungos, sinalando que existen uns 3000 tipos distintos na Galiza, e como identificalos e distinguilos segundo o seu himenóforo (a parte baixo o sombreiro), que pode estar composto por poros (p.ex. boletus: B. edulis), por láminas (p.ex. champiñóns, ou amanitas: A. phalloides, A. muscaria), ou por veas (p.ex. cantarelas: Cantharellus cibarius), entre outras.
Entre as diferenzas máis salientadas polo biólogo, figuran as
distintas roturas que se producen no pé dos fungos, xa que uns rompen como un
xiz, debido á que teñen células arredondadas, e outros pés rompen en feixes de
fibras, porque teñen células alongadas. Ademais, tamén se poden identificar as
diferenzas pola pigmentación, radio e incluso cheiro, como no caso do cogumelo
polbo (Clathrus archeri). Por outro lado, Nacho describiu as diferentes
formas de reprodución dos fungos (a través de esporas, xemación e
fragmentación).
Durante o percorrido polo Monte da Fraga identificouse variedade
de morfoloxías de cogumelos ou carpóforos (nome que reciben os corpos fructíferos
dos fungos, que se corresponden co nome común de cogumelo), a maioría delas non
comestibles. Amanita muscaria, Suillus bobinus, Macrolepiota procera, coa
forma mais característica e coñecida formadas por sombreiro e pé que nacen en
herbeiras ou baixo as árbores, e outras que se caracterizan por medrar sobre
madeira morta ou son parásitas da madeira.
Por último, cabe sinalar que este ano non se atoparon exemplares
de boletus no Monte da Fraga, cando en anos anteriores había cantidade e
variedade de especies. O biólogo sinalou que probablemente se debeu ás fortes
choivas dos últimos días e a baixada de temperatura.
Participantes
contemplando os exemplares de fungos
0 comentarios:
Publicar un comentario