24/05/2018

O éxito na recollida de aceite usado na Coruña



O éxito na recollida de aceite usado na Coruña

A iniciativa Mulleres Colleiteiras, impulsada pola ONG Arquitectura Sen Fronteiras e que conta co respaldo de Edar Bens SA, está a desenvolver un convenio de colaboración co Concello da Coruña para a recollida do aceite usado.

Vense de publicar o informe do ano 2017, onde se mostran os resultados da exitosa recollida, que chegou aos 43.994 litros, cifra que multiplicou por catro o recollido no ano 2016. Este aceite é procedente dos usos domésticos e depositado nos contedores localizados na vía pública da cidade.

Durante o ano 2017 instaláronse 22 novos contedores en distintos barrios da cidade, o cal facilita o acceso a esta recollida selectiva. Mais, se comparamos volume de aceite usado recollido no mesmo número de contedores en ambos anos o crecemento segue sendo espectacular: 34.840 litros en 2017 fronte aos 10.994 de 2016. Así, vemos que para o bo funcionamento desta recollida é primordial a colaboración cidadá.

Na UDC, atópase un punto de recollida na Facultade de Ciencias da Educación. Esta e o conxunto de localizacións poden consultarse no mapa elaborado por Edar Bens, na seguinte ligazón: http://recolledar.edarbens.es/gl/


O que contamina o aceite

Se de forma inadecuada o aceite se tira polo vertedoiro ou o inodoro, convértese nunha fonte de contaminación das augas de ríos, lagos, etc., causan problemas nas redes de saneamento e sobrecustos ás EDAR (Estacións depuradoras de augas residuais)

Como fonte de contaminación, 1L de aceite contén aproximadamente 5000 veces mais carga contaminante que a auga residual que circula polos sumidoiros e pode chegar a contaminar 40.000 L de auga, que é o equivalente ao consumo de auga anual de unha persoa no seu domicilio.

Nas redes de saneamento, os aceites usados ao unirse con restos de deterxentes e xabóns domésticos, forman unhas “bolas de graxa” capaces de xenerar atascos nos colectores. Finalmente, cando os aceites chegan ás EDAR, debido ao alto contido en materia orgánica, incrementan os custos da depuración.


E que se fai co aceite recollido?

“Agora mesmo véndese o aceite usado, unha vez limpo, a unha multinacional para a súa utilización, pero aspiramos a poder completar o proceso nas nosas instalacións e que o aceite que recuperamos se reutilice a nivel local, transformándoo en biodiesel, para calefaccións de colexios e outros organismo públicos, por exemplo”, sinala Juan Aradas, de Arquitectura Sen Fronteiras.


Mais info:
-          Mulleres colleiteiras: http://mullerescolleiteiras.blogspot.com.es/
-          Arquitectura sen Fronteiras: http://www.galicia.asfes.org/
-          Edar Bens SA: http://edarbens.es/gl/
-          Recollida Selectiva do Concello da Coruña: https://noseusitio.coruna.gal/

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib