O próximo 19 de Outubro ás 15:30 h terá lugar a primeira inspección do curso 2016-17 do río Lagar, no Campus de Elviña.
A Oficina de Medio Ambiente, en colaboración con ADEGA e o Proxecto Ríos, organizan un ano máis este encontro de outono.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos galegos. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos por parte de persoas voluntarias. Estas inspeccións realízanse dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cumprimentar as Follas de Inspección.
Realizarase unha avaliación pormenorizada atendendo a parámetros como o caudal, análise de augas (medición do pH, temperatura da auga, cantidade de O2 disolto...), estudo de fauna (mostraxe de macroinvertebrados) e flora (características do bosque de ribeira).
O principal fin é achegar a poboación ao contorno natural, concienciando da importancia de adoptar actitudes encamiñadas a protexer e mellorar o medio ambiente. Ademais aprenderase a recoñecer a calidade biolóxica e fisicoquímica dos mesmos.
Data e hora: 19 de Outubro, 15:30 h.
O lugar de encontro será a entrada principal da Facultade de Economía e Empresas.
Máis información en www.proxectorios.org no noso facebook ou tamén no twitter
0 comentarios:
Publicar un comentario