10/06/2016

Móllate! A UDC POR UN SAN XOAN MAIS SUSTENTABLE

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, OMA-UDC, está a colaborar coa iniciativa ambiental Móllate! Acción educativa en defensa dos océanos, presentada aos medios pola concelleira de Medio Ambiente o pasado xoves 2 de xuño. Este programa, impulsado por Festival Mar de Mares é unha ferramenta para espertar a conciencia, especialmente a da mocidade, que ten como obxectivo acadar unha celebración de San Xoán sustentable, na que se busca a corresponsabilidade cidadá e combater a acumulación de residuos producidos nesa noite meiga. Nesta iniciativa, ademais da OMA, participan os IES Menéndez Pidal, Urbano Lugrís, Eusebio da Guarda, o CIFP Ánxel Casal e a área de Educación Social da UDC.

Entre as actividades que se están a levar a cabo nesta campaña, ata a noite do 23, poderemos atopar pola cidade unha furgoneta surfeira na que se reparte información sobre como ter unha actitude responsable na noite meiga, escoitaremos locucións de radio de sensibilización co medio, e colocaremos lonas reivindicando un San Xoán sustentable.

Móllate comprende tamén unha campaña fotográfica nas redes sociais que ten o obxectivo de chamar á acción para conseguir entre todas e todos un San Xoán máis responsable e tan divertido coma sempre. Se este tema che importa e queres poñer o teu gran de area,  só tes que subir aos teus perfís nas redes sociais a túa acción para colaborar nun San Xoán sustentable baixo os hashtags #Móllate e #SanXoán2016. Na sección Molladuras deste blog podes ver algunhas propostas e engadir as túas.
Lembra, ti atopaches unha praia, non deixes un vertedoiro.


Máis info:
Páxina web da iniciativa Móllate!: http://festivalmardemares.org/mollate/
Páxina web do San Xoán na Coruña: http://sanxoancoruna.es/
Facebook: Festival Mar de Mares; Oficina de Medio Ambiente UDC

Presentación da Exposición fotográfica Móllate! na aula de estudo Xoana Capdevielle da UDC

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib