13/05/2016

IV ENCONTRO SOLAR

O pasado 04 de maio, tivo lugar o IV Encontro Solar da UDC, no aparcamento do edificio Xoana Capdevielle, que consistiu en divulgar as vantaxes e a facilidade de aproveitamento da Enerxía Solar. Nesta xornada, promovida pola Oficina de Medio Ambiente e organizada pola Asociacion Ecoloxista ADEGA e o CIFP Someso, aprendimos e experimentamos distintas aplicacións para aproveitar a enerxía solar, limpa e inesgotábel, desde a cociña solar, pasando pola visita a instalación de placas fotovoltaicas, aparellos solares como lanternas, cargadores de móbiles, secadeiros de roupa...

Comezamos a xornada ás 10:00 da mañá coa montaxe das carpas, que usamos primeiro para preparar a comida e posteriormente para o xantar á sombra. Montouse tamén a exposición de aparellos solares, achegados polo CIFP Someso e ADEGA, entre os que atopamos un cargador de móbil solar, lanterna solar, quentadores de auga e ducha de auga quente. Tamén puidemos escoitar música proporcionada por un pinchadiscos solar, traballo realizado polos alumnos da Escola de Imaxe e Son de Someso, que alimentaron os seus equipos con placas fotovoltaicas. A electricidade fotovoltaica foi suministrada  e montada grazas os alumnos e profesores de Enerxía e Auga do IES Universidade Laboral de Culleredo.
Entre as 11:00h e as 11:30h fomos introducindo a comida nos fornos e cociñas para que estivese lista sobre as 14:30. Entre tanto, puidemos relaxarnos ao sol escoitando a música e vendo as exposicións, e ás 12:30 visitamos a cuberta CITIC guiada por  J.M. Giz, Técnico Superior de mantementos da UDC, quen nos explicou o funcionamento e das placas solares do edificio e as as súas vantaxes.
Este ano conseguimos reunir unhas 70 cociñas solares, e cociñáronse ata 50 receitas diferentes. A esperada hora do xantar comezou ás 15:00, cando puxemos todas as preparacións nas mesas e realizamos unha degustación colectiva. Algunhas receitas foron: cuscús, pizza, lentellas, peixe, ovos, champiñóns recheos, verduras variadas … e sobremesas  como biscoito, mazás asadas e palmeiriñas con chocolate.  Tamén se fixo pan, e infusións durante toda a mañá.

Unha vez rematada a sobremesa comezamos a recoller e lavar a louza, cubertos que cada persoa trouxo da súa casa sen ser de usar e tirar, rematando a xornada arredor das 18:00.
A xornada rematou con éxito e foi moi animada durante todo o día, desde a OMA animámosvos a que aproveitedes o verán para cociñar co sol. É sinxelo, barato e estamos usando unha enerxía limpa e inesgotábel.
Se estades interesados/as en facer un forno podedes consultar a seguinte ligazón, e tamén estar pendentes das actividades organizadas pola OMA para vindeiras ocasións.
Tamén gravamos un video no que se pode ver como foi a xornada en time lapse, non volo perdades!! 


Web do CIFP de Someso: http://www.edu.xunta.es/centros/cifpsomeso/node/770
Para ver as fotos do encontro solar entra no noso facebook: https://www.facebook.com/Oficina-de-Medio-Ambiente-UDC-

Máis información no blog da OMA: http://medioambienteudc.blogspot.com.es/

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib