21/01/2021

Xornada de voluntariado para a eliminación da Flora exótica invasora no Monte da Fraga

bolseirxs OMA-UDC

 




Por Sandra Graña, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC


O pasado xoves 3 de decembro de 2020 levouse a cabo no Monte da Fraga esta actividade desenvolta pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, ADEGA. Contou coa participación de catro persoas voluntarias1 coordinadas polas educadoras ambientais Itziar e María.

Son varias as especies exóticas de flora invasora que afectan ao Monte de Fraga, entre elas a Cortaderia selloana, coñecida tamén como herba da Pampa ou plumacho. Traída de América do Sur, esta especie ten fácil dispersión das sementes e invade terreos con recentes movementos de terra, ocupando o espazo das especies autóctonas e provocando en consecuencia unha perda de cantidade e de diversidade destas. Por este motivo, as especies coma o plumacho, reciben o nome de Especies Exóticas Invasoras (EEI), que son a segunda causa de perda de biodiversidade a nivel planetario. Distínguense de outros tipos de plantas exóticas, que non teñen o comportamento invasor, como as patacas, que igualmente procedentes de América, necesitan ser cultivadas para manterse.

No Monte da Fraga véñense realizando traballos para a súa eliminación desde uns anos atrás e xa comezan a verse os resultados. Nesta xornada traballamos en varias liñas de acción sobre as EEI:

  1. Impedir rebrotes: despois de cortar as plantas en superficie, cóbrense as raíces cun plástico negro de tal xeito que nin a auga nin o sol cheguen a elas. Para que esta técnica debilite efectivamente a planta e a súa grande capacidade de rebrote, será necesaria a permanencia do tapado durante un período entre 6 meses e 1 ano. As follas cortadas, parte vexetativa da planta sen capacidade de rebrote, déixanse no propio terreo como achega de materia orgánica.
  2. Eliminación manual de tocóns: a técnica clásica e mais efectiva, que tamén se puido levar a cabo nesta ocasión, con ferramenta de man adecuada, grazas ao bo empeño do voluntariado! Unha vez se elimina o tocón, déixase invertido no propio oco coas raíces expostas. Isto require de seguimento por se aparecen rebrotes.
  3. Seguimento das actuacións xa feitas anteriormente: comprobouse que as plantas que foran tapadas meses atrás xa estaban a podrecer debaixo do plástico, excepto as que por algún motivo se moveu o plástico, e polos pequenos ocos de luz foi rebrotando a planta. Nestes exemplares reparouse o tapado, mellorando o sistema de ancoraxe ao terreo mediante grampas.


Fotografías durante o voluntario, eliminando as plantas invasoras
Fotografías durante o voluntario, eliminando as plantas invasoras

Tódolos anos, ADEGA desenvolve estas actividades co fin de eliminar as especies invasoras do Monte da Fraga. Esta tarefa inclúe traballo e estudo previo, como é o inventariado para coñecer cales son as EEI e cales son as mais abundantes que aparecen no Monte da Fraga; tamén fan periodicamente o mapeo para localizar estas especies no espazo; e a temporalización das actividades, prevendo cal é a mellor época do ano para a eliminación de cada especie, por exemplo, no caso da herba da Pampa evítanse os meses de agosto-setembro e cando a planta ten o plumacho, para non favorecer a expansión das sementes coa súa manipulación. Nesta época o que se fai con esta especie, é a corta manual dos plumachos, no período incipiente de florecemento.


Voluntarios no Monte da Fraga tras a eliminación da herba da Pampa

Voluntariado no Monte da Fraga tras a eliminación da herba da Pampa



1Límite de prazas cuberto, segundo a normativa Covid.


bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib