03/04/2019

INAUGURACIÓN E VISITA GUIADA: A NOITE É NECESARIA

O vindeiro xoves 11 de Abril ás 12:30 h na Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos (Campus de Elviña) da Universidade da Coruña realizarase a inauguración cunha visita guiada (aberta ao público en xeral) á exposición “A  noite  é necesaria”.

“A  noite  é necesaria” é unha exposición que consta de catro paneis a dobre cara de 1,7 metros e alto por 1,5  m de ancho da agrupación coruñesa  Io, sobre os riscos que supón para o medio ambiente, e para a nosa saúde e benestar, a  sobreexposición á luz artificial e a contaminación  lumínica.

A inauguración correrá a cargo do Director da Escola,  Ignasi  Colominas e a visita guiada pola mesma da man de Martin  Pawley ( pseudónimo), gañador do primeiro premio  FAAE á divulgación astronómica e membro da agrupación Ío, que explicará aos asistentes os por menores desta problemática que nos afecta cada vez en maior medida e que segundo a súa opinión é un problema que “podemos e debemos solucionar”.

A Escola de Camiños mantén a súa implicación coa sustentabilidade e o medio ambiente acolléndose ao programa Green Campus no que participan máis de 40 Universidades de toda Europa dende o curso académico 2015-16. Dende a súa implantación na Escola realizáronse importantes melloras de aforro enerxético, divulgación ambiental e sustentabilidade para conseguir unha escola máis eficiente e sustentable. Por todo este traballo de mellora en 2017 foille concedida a Bandeira verde Green Campus ao centro.

A exposición permanecerá na Escola ata o próximo 22 de Abril.


0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib