11/02/2019

CRÓNICA DA XORNADA DE REFORESTACIÓN E COIDADO DA CHARCA DO MONTE DA FRAGA


O 7 de Febreiro tivo lugar unha  xornada de reforestación participativa no Monte da Fraga, a cargo da equipa de educación ambiental de ADEGA, e dirixida ao voluntariado, que sumou a 8 participantes.

O Monte da Fraga é un espazo natural, nunha zona suburbana, no que todo era un eucaliptal. Despois de 13 anos da súa corta, hoxe atópase poboado na meirande proporción por bosque autóctono galego, facendo labores de coidado para a mellora da biodiversidade de flora e fauna. Se ben, hai zonas das 4 hectáreas que dispón o Monte da Fraga, que aínda se atopan pouco vexetadas, e é nesas zonas nas que se levou a cabo esta actividade de voluntariado.

A equipa de educación ambiental de ADEGA iniciou a xornada facendo unha explicación da historia deste espazo, facendo fincapé na importancia da conservación de ecosistemas autóctonos, e convidando á participación cidadá para que cada persoa se achegue a plantar a súa árbore ao Monte da Fraga, favorecendo a biodiversidade do monte e que as persoas experimentemos o contacto coa natureza.

A continuación, fíxose a plantación de especies arbóreas autóctonas. Nesta ocasión escolléronse loureiros (Laurus nobilis), que se plantaron en liña co obxectivo de crear un filtro verde de separación entre a estrada e o monte. Durante a xornada tamén se fixo estaquillado de salgueiro (Salix spp.) nas marxes da charca (construída no ano 2014), co obxectivo de dar sombra nas épocas estivais e facer achega de materia orgánica, o cal tamén son factores para a mellora da biodiversidade animal na charca.

O persoal bolseiro e voluntariado participante quedamos moi contentas coa xornada, agardamos que haxa nova convocatoria, permanecede atentas/os!!

Algunhas fotos da xornada:










0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib