20/12/2018

CRÓNICA DAS XORNADAS DE REFORESTACIÓN DO MONTE DA FRAGA

Co asesoramento e organización da asociación ecoloxista ADEGA, os días 13 e 20 de decembro organizáronse xornadas de voluntariado ambiental no Monte da Fraga, nesta ocasión para facer reforestación nunha área pouco vexetada do monte.
Na primeira das xornadas, preto de unha ducia de voluntarias e voluntarios de diferentes titulacións da UDC colaboramos na plantación con especies autóctonas das fragas galegas. A segunda das xornadas non puido levarse a cabo, debido á baixa inscrición e á mala previsión do tempo.
O Monte da Fraga conta con unhas 4 hectáreas de superficie, que desde o ano 2006 están a ser xestionadas con criterios de sustentabilidade: mudouse o eucaliptal que invadía a zona por especies propias dos ecosistemas galegos. Con esta reforestación preténdese recuperar o bosque autóctono, ademais de facilitar a investigación botánica que se pode desenvolver asociada á titulación de Bioloxía, situada ao carón do Monte da Fraga.
A área escollida para a reforestación foi a localizada na charca construída para a mellora da biodiversidade e ecosistemas, que se atopa no camiño que une a Facultade de Ciencias e a de Filoloxía. As especies escollidas para a plantación foron alvedros (Arbutus unedo), 4 variedades de figueiras (Ficus carica), e loureiros (Laurus nobilis). As dúas primeiras plantáronse agrupadas (8 unidades en total), mentres que os loureiros se plantaron en liña (23 uds.), co obxectivo de crear unha sebe de separación entre a estrada e esta zona máis herbácea do monte. Escolléronse estas especies porque ademais de seren autóctonas, son capaces de medrar en condicións extremas: soportan ben o vento, as alturas e prenden fácil, condición importante neste terreo con unha forte pendente.
A continuación xuntamos o mapa da localización das plantacións e as fotos da xornada:












0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib