13/04/2016

CRÓNICA CURSO DE COMPOSTAXE E HORTA URBANA

O xoves 07 de abril tivo lugar no campus da Zapateira o curso de formación sobre a compostaxe. O obxectivo deste curso foi capacitar tanto ao persoal bolseiro como ao resto da comunidade universitaria para xestionar os restos orgánicos mediante a compostaxe, ademais da necesidade de concienciar sobre o coidado do medio ambiente. A Oficina de Medio Ambiente da UDC instalou varios composteiros comunitarios neste campus que son xestionados por persoal bolseiro da OMA e de ADEGA (Asoc. Para a defensa ecolóxica de Galiza), onde o persoal dos comedores universitarios deposita os restos orgánicos para convertelos en compost.
Dende a Oficina de Medio Ambiente vemos a necesidade de compostar os restos orgánicos para devolverlle nutrientes ao solo en forma de compost. Pechamos o ciclo da materia orgánica e evitamos a contaminación por fertilizantes químicos. O compost obtido dos restos do comedor úsase no propio campus e nas hortas comunitarias.
A xornada comezou cunha charla introdutoria de Manuel Soto, profesor de Enxeñaría Química (onde imparte materias relacionadas co tratamento de residuos) e director da Oficina de Medio Ambiente, na que se explicou en que consiste a compostaxe: é un proceso natural que, condicionado e axudado polas persoas, permite descompoñer os restos de materia orgánica e convertelos nun fertilizante estábel e de calidade. Visualizamos un vídeo divulgativo do programa de compostaxe que recentemente botou a andar na cidade de Pontevedra, e observamos diferentes imaxes de Modelos de compostaxe que se poden levar a cabo, como a compostaxe individual (en vivendas familiares con zona verde, como exemplo as campañas de compostaxe das que se encarga ADEGA), compostaxe comunitaria (para zonas comúns de conxuntos de vivendas, por exemplo o xardín de unha urbanización), e compostaxe en planta (onde se dispón dunha instalación dunha planta de compostaxe para o tratamento da fracción orgánica proveniente da recollida selectiva que se transporta ata esta planta). As explicacións foron acompañadas de rolda de preguntas nas que os participantes solucionaron as dúbidas sobre o proceso, e de observación de diferentes edicións de Manuais de compostaxe, un deles elaborado por ADEGA foi repartido entre os asistentes ao remate da charla.
A continuación visitamos as áreas de compostaxe onde se están a recoller os restos das cafeterías do campus da Zapateira, que son xestionadas polo persoal bolseiro da OMA. Nesta demostración práctica comprobamos as diferentes fases do proceso da compostaxe: nalgún dos casos observamos como a masa de residuos do composteiro está fermentando, mentres que noutros o compost se atopa nunha fase máis avanzada, podendo comprobar a temperatura acadada, diminución do volume e aparencia dun compost en bo estado. As áreas visitadas foron as de Filoloxía (onde se recollen os restos do comedor da Facultade de Filoloxía), e a da Praza da Fraga (onde se recollen os restos do comedor da Facultade de Ciencias e da EUAT). Nesta última área tamén aprendemos o manexo in situ: montaxe/desmontaxe de un composteiro, material necesario e forma de traballar.
Para finalizar a actividade con unha visión total do proceso do compost, utilizamos o mesmo como fertilizante para plantar unha hortiña urbana situada nesa mesma área da Praza da Fraga. Escollemos plantar leitugas, tomates, pementos de Padrón, cebolas, xudías, fresas e algunha planta aromática para favorecer a polinización, xa que no mes de abril o risco de xeadas é menor, é polo tanto a época axeitada para comezar a plantar a horta da que teremos os froitos nuns meses.
Antes de marchar repartimos aos participantes unhas bolsiñas do compost feito na UDC e unhas estacas de framboesa para plantar nas súas hortas.
O álbum fotográfico da xornada podedes velo no noso Facebook: Oficina de Medio Ambiente UDC.
Esperamos que todas e todos disfrutaran do cursiño e lles sexa de utilidade!
Máis información na Web de Adega: www.adega.gal ; Proxecto: Compostaxe caseira e comunitaria.

Para coñecer máis e anotarte nas actividades da OMA na UDC, síguenos no Facebook e Twitter, e tamén no noso Blog.


0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib