Nos campus da UDC sérvense uns 20.000 menús cada semana, ademais de tapas e
bocadillos, nos 17 servizos de cafetaría cos que conta na actualidade esta
universidade.
Desde o comezo do curso académico, na UDC contamos con tres áreas de
compostaxe activas, unha na Facultade de Filoloxía e outra ao carón da Escola
de Arquitectura Técnica, onde se recollen os restos desta facultade e tamén de
Ciencias, e a terceira no Campus de Oza.
A partir do 1 de febreiro do
2016, vólvese a incorporar a esta rede de compostaxe a Facultade de Ciencias da
Educación. Este centro
conta agora cunha nova área preparada para esta finalidade, nun recinto
definido, con subministro de auga, e formada por dous composteiros con
distintas capacidades, nas que se depositarán os restos orgánicos da cafetaría
do centro.
A Oficina de Medio Ambiente quere agradecer a súa labor e implicación ao
persoal da cafetaría da Facultade de Ciencias de Educación, así como ao das
demais facultades que contribúen a impulsar a compostaxe na Universidade da
Coruña.
O obxectivo da Oficina de Medio Ambiente é fomentar a xestión ecolóxica
destes residuos orgánicos xunto cos restos vexetais de xardinería que se xeran
no campus, transformándoos de forma conxunta, eficiente e sinxela en compost,
aforrando así os custos económicos e ambientais que causan a súa recollida,
transporte e tratamento externo.
Nos composteiros deposítanse os restos da materia orgánica xerados polas
cafeterías, e mestúranse, a partes iguais, con estruturante (follas ou restos
de podas). É necesario humedecer e remexer o produto unhas tres veces á semana.
O grupo de bolseiras e bolseiros da OMA somos os encargados de facer esta
tarefa, controlando a súa humidade, homoxeneidade e textura.
O compost é o produto resultante do proceso de compostaxe, un material
hixiénico de aparencia semellante á terra do monte. É un fertilizante rico en
substancias minerais e nutrientes, moi beneficioso para o crecemento vexetal. Asemade,
funciona como sumidoiro de CO2 e reduce a necesidade do transporte
dos residuos orgánicos, polo que é una boa ferramenta na loita contra o cambio
climático.
Desde a OMA gustaríanos
invitar aos membros da comunidade universitaria a participar neste proxecto a través da dedicación como voluntariado
ambiental, no que se poderá adquirir un compromiso de traballo semanal con
horarios adaptables, recibindo unha xornada de formación e acompañamento das
persoas bolseiras da OMA. Podédesnos solicitar información no correo oma3@udc.es
darlle a "Gústame" na nosa páxina da Oficina de Medio Ambiente
UDC no Facebook,
e tamén ver o seguinte vídeo realizado por nós mesmos:
0 comentarios:
Publicar un comentario