03/03/2016

Nova área de compostaxe na facultade de Ciencias da Educación

bolseirxs OMA-UDC
Nos campus da UDC sérvense uns 20.000 menús cada semana, ademais de tapas e bocadillos, nos 17 servizos de cafetaría cos que conta na actualidade esta universidade.

Desde o comezo do curso académico, na UDC contamos con tres áreas de compostaxe activas, unha na Facultade de Filoloxía e outra ao carón da Escola de Arquitectura Técnica, onde se recollen os restos desta facultade e tamén de Ciencias, e a terceira no Campus de Oza.

A partir do 1 de febreiro do 2016, vólvese a incorporar a esta rede de compostaxe a Facultade de Ciencias da Educación. Este centro conta agora cunha nova área preparada para esta finalidade, nun recinto definido, con subministro de auga, e formada por dous composteiros con distintas capacidades, nas que se depositarán os restos orgánicos da cafetaría do centro.

A Oficina de Medio Ambiente quere agradecer a súa labor e implicación ao persoal da cafetaría da Facultade de Ciencias de Educación, así como ao das demais facultades que contribúen a impulsar a compostaxe na Universidade da Coruña.

O obxectivo da Oficina de Medio Ambiente é fomentar a xestión ecolóxica destes residuos orgánicos xunto cos restos vexetais de xardinería que se xeran no campus, transformándoos de forma conxunta, eficiente e sinxela en compost, aforrando así os custos económicos e ambientais que causan a súa recollida, transporte e tratamento externo.


Nos composteiros deposítanse os restos da materia orgánica xerados polas cafeterías, e mestúranse, a partes iguais, con estruturante (follas ou restos de podas). É necesario humedecer e remexer o produto unhas tres veces á semana. O grupo de bolseiras e bolseiros da OMA somos os encargados de facer esta tarefa, controlando a súa humidade, homoxeneidade e textura.




O compost é o produto resultante do proceso de compostaxe, un material hixiénico de aparencia semellante á terra do monte. É un fertilizante rico en substancias minerais e nutrientes, moi beneficioso para o crecemento vexetal. Asemade, funciona como sumidoiro de CO2 e reduce a necesidade do transporte dos residuos orgánicos, polo que é una boa ferramenta na loita contra o cambio climático.


Desde a OMA gustaríanos invitar aos membros da comunidade universitaria a participar neste proxecto a través da dedicación como voluntariado ambiental, no que se poderá adquirir un compromiso de traballo semanal con horarios adaptables, recibindo unha xornada de formación e acompañamento das persoas bolseiras da OMA. Podédesnos solicitar información no correo oma3@udc.es

Para máis información podedes visitar o blogue (http://medioambienteudc.blogspot.com.es/),
darlle a "Gústame" na nosa páxina da Oficina de Medio Ambiente UDC no Facebook,
e tamén ver o seguinte vídeo realizado por nós mesmos:


bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib