Por María Gelpi, Bolseira da
Oficina de Medio Ambiente da UDC curso 2020-2021
O xoves 3 de
decembro de 2020 realizouse un roteiro interpretativo na contorna do Monte da
Fraga, guiado pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA).
As educadoras
ambientais Itziar e María guiaron a actividade que contou con cinco participantes, cubrindo o cupo
máximo derivado da situación COVID-19. En cada punto do roteiro, indicado cunha
baliza e código QR, fíxose unha parada explicativa, respecto a historia,
biodiversidade, ou singularidade de interese deste espazo.
Punto de saída do
roteiro do Monte da Fraga, localizado na Praza da Fraga. Obsérvase a proba de escaneo
do código QR localizado na baliza indicadora do roteiro, con liña branca e
verde.
A contorna do
campus universitario da Zapateira inclúe o espazo do Monte da Fraga, encadrado no
denominado bosque atlántico, agora posúe unha enorme riqueza biolóxica grazas
ao traballo de restauración que se desenvolveu desde o ano 2006 cando o espazo
era un eucaliptal e zona marxinal do campus.
Creáronse espazos
mais verdes, algúns exemplos: mellora da Praza da Fraga que na súa orixe era un
aparcadoiro; unha charca para aumentar a diversidade de ecosistemas; unha zona
de depuración ecolóxica das augas residuais mediante humidais construídos.
Estes lugares
permiten á comunidade universitaria dispor de espazo para o lecer ao aire
libre, e serven ademais como espazos de aprendizaxe e investigación, por medio
das actividades de educación ambiental, prácticas de materias asociadas ás
áreas de botánica da Fac. De Ciencias, ou de paisaxismo da ETSAC, entre outras.
Entre as actividades
de educación e sensibilización para a conservación do entorno e a súa
biodiversidade, destaca o traballo continuo para a eliminación das especies
exóticas invasoras, que son o 2º motivo da perda de biodiversidade a nivel planetario.
Tamén resultan de interese as caixas niño para aves e morcegos instaladas.
O coidado do
Monte da Fraga como ecosistema de especies autóctonas é unha labor fundamental
para poder desfrutar das aves, insectos, fungos e vexetación propias do lugar,
seguindo o camiño ao son do manancial da Zapateira que nace no monte da Fraga e
alimenta ao río Lagar.
Participantes
no final do percorrido do roteiro
0 comentarios:
Publicar un comentario