03/02/2020

Crónica da plantación participativa no Monte da Fraga



Por Cristina Videla, bolseira da Oficina de Medio Ambiente da UDC

O pasado sábado 25 de xaneiro tivo lugar unha actividade de reforestación no Monte da Fraga, que consistiu nunha plantación de loureiros no borde superior da ladeira coa intención de facer un filtro verde. Os filtros verdes teñen a función de mellorar as condicións ambientais, como son o amortecemento de contaminación acústica e atmosférica que causa o tráfico, ademais de que as sebes conforman un refuxio de fauna, mellorando os índices de biodiversidade.



Estes terreos do Monte da Fraga pertencentes á Universidade da Coruña antigamente eran un eucaliptal, que grazas ao cambio de xestión e labouras de voluntariado estanse transformando nun espazo de lecer moi agradábel, cunha ampla variedade de especies arbóreas que axudan ademáis a reducir as emisións de CO2 á atmosfera.

A actividade iniciouse as 11:00h na Praza da Fraga, onde se reuniron as 12 persoas voluntarias e a educadora ambiental de ADEGA, María Rodríguez Lafuente.



O primeiro que se levou a cabo foi a recollida de compost na área de compostaxe da Praza da Fraga para, a continuación, realizar a plantación de 20 loureiros no Monte da Fraga empregando este abono natural. O compost utilizado procede das áreas de compostaxe da UDC, onde se xestionan os restos orgánicos dos comedores universitarios. Ademais da plantación de esta nova remesa de loureiros, aproveitouse para facer o coidado das anteriores plantacións, engadindo mais compost e eliminando as herbas de arredor.



Durante a xornada o grupo de voluntarias aproveitou para facer recollida de lixo que apareceu especialmente na beira da estrada, e formada principalmente por residuos e embalaxes plasticas.



Por último, aproveitouse para facer unha breve eliminación de especies invasoras. Unha especie é invasora aproveita as condicións de novos espazos para desenvolverse de forma vantaxosa respecto a especies autóctonas, producindo un desequilibrio nas abundancias relativas de especies e como consecuencia unha perda de biodiversidade nos ecosistemas autóctonos. Considérase unha das principais causas de perda de biodiversidade a nivel planetario, é por iso tan importante o traballo en sensibilización e eliminación. Nesta ocasión elimináronse 3 especies: Cortaderia selloana (herba da pampa), Buddleja davidii, e Cyperus papirus (papiro), este último encontrado dentro da charca.

As 14h terminou a xornada de actividade variada, na que o grupo ficou con ganas de repetir este tipo de actividades. Animamos a toda a comunidade universitaria a ficar atenta ás convocatorias de voluntariado ambiental no Monte da Fraga!!

Mais información sobre:
- Áreas de compostaxe da UDC
- Asociación ecoloxista ADEGA
- Monte da Fraga na UDC

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib