O mércores 18 de outubro tivo lugar o encontro Proxecto Ríos para a inspección do Río Lagar, no treito situado entre o Edificio de Servizos Centrais de Investigación e a Facultade de Economía e Empresas, organizado pola Oficina de Medio Ambiente en colaboración con ADEGA-ProxectoRios.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos ríos de Galiza. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsables da vixilancia do río que pasa polo seu municipio ou localidade. Estas inspeccións realízanse dúas veces ao ano, en base á metodoloxía e materiais de apoio proporcionados polo Proxecto Ríos que axudarán a cumprimentar as Follas de Inspección.
No noso encontro cada persoa cubría unha destas Follas de Inspección coa axuda de Paco Bañobre, quen dirixiu a actividade e nos ensinou cómo estudar o estado dun treito de río. O estudo levouse a cabo en distintas etapas de observación, como o bosque de ribeira, presenza de rápidos, estudo de especies... Tras a toma de mostras coa axuda de redes e botas, fíxose un análise in situ, grazas a boa tarde que estaba, da calidade biolóxica das augas, grazas a presenza de macroinvertebrados e da biodiversidade.
Estos organismos son bioindicadores da calidade da auga, cada familia ten asignada unha calidade dependendo dos seus requirimentos para o seu desenvolvemento e supervivencia. O resultado do índice de macroinvertebrados apunta cara unha calidade moderada do río. Algúns datos físico-químicos da auga, por exemplo son: a temperatura de 15,5ºC (algo elevada para Galicia nesta época do ano) e un pH de 7, o axeitado para a vida no río das distintas especies.
Tamén se fixo unha inspección rápida das ribeiras do río, para comprobar se había algún tipo de residuo. A pesares de ter feito a limpeza dúas semana antes do mesmo treito, xa volvemos atopar vasos de plástico, envoltorios de todo tipo e algunha que outra bolsa de supermercado.
Para máis información do proceso e outras curiosidades podes consultar a páxina de Proxecto Ríos.
0 comentarios:
Publicar un comentario