O pasado sábado día 28 as bolseiras da OMA asistimos a un encontro moi interesante sobre educación ambiental, grazas a invitación de Mar de Mares, festival que neste 2015 celebrou a súa segunda edición, con actividades que xiran arredor do mundo mariño que se desenvolveron dende o 24 de setembro ao 29 de outubro. Mar de Mares busca concienciar as institucións, empresas e cidadanía da necesidade de protexer o hábitat mariño para garantir a súa sustentabilidade.
Durante a mañá un grupo de voluntariado levou a cabo unha limpeza da Praia do Orzán, onde se recolleu unha morea de residuos arroxados pola xente ó mar e ós areais.
Na xornada de tarde, tivemos a sorte de coñecer unha variedade de asociacións, entre elas o CEIDA, Voz Natura, CEMMA, Verdegaia, Fontaíña, Senda Nova, IES Illa da Arousa e a Universidade de Vigo, involucradas no coidado do medio ambiente e na concienciación da cidadanía sobre a súa importancia.
Ó rematar as exposicións de cada organización participamos nun coloquio sobre actividades de educación ambiental, falando de cómo se podería chegar a máis xente e que actividades poderíamos facer a favor do medio ambiente.
Máis información sobre o Festival Mar de Mares na súa páxina web
Segue tamén o blog e Facebook da OMA para coñecer as actividades que organizamos.

0 comentarios:
Publicar un comentario