21/01/2021

Seminario Técnico LIFE STOP Cortaderia 2020

bolseirxs OMA-UDC

 




Por Virginia  Cendán, bolseira da OMA e Green Campus de Ciencias

A OMA participou no Seminario Técnico LIFE STOP Cortaderia 2020 “Boas Prácticas para o Control de Cortaderia” que tivo lugar o martes 15 e o mércores 16 de decembro de 2020, cunha duración total de 8 horas.

Na primeira sesión (día 15), despois da sesión de inauguración da man de Belén do Campo (D.X. Patrimonio Natural), Carlos Vales (Director do CEIDA) e Santiago García (Asoc. Amica e Coordinador do LIFE Stop Cortaderia), presentouse o “Plan estratéxico para a xestión das especies invasoras en Galicia”, con dous eixes de actuación: a contención local e erradicación temperá, e o coidado dos espazos naturais para a protección de especies autóctonas (Natura 2000), a cargo de Elisa Gago (Xefa de Servizo de Conservación da Biodiversidade).

Para continuar, Blanca Serrano (SEO/BirdLife), introduciu as Boas prácticas de loita contra Cortaderia, presentando o Manual de Stop Cortaderia. Nesta publicación, á que lle encontramos utilidade para os traballos de eliminación no noso proxecto de custodia do territorio no Monte da Fraga, introdúcense puntos clave para a correcta eliminación desta especie invasora, como son:

  • A planificación. Sobre este punto a relatora fixo fincapé nunha intervención do seguinte bloque, exemplificando o caso da Cortaderia en Cantabria, do proceder para a súa detección e resposta rápida conseguindo o resultado de freo da expansión.
  • A prevención e o control: no caso da eliminación de Cortaderia, é imprescindible a presenza dun bo solo cunha maior cobertura vexetal que provoque o apantallamento da luz evitando así o desenvolvemento desta planta fotosensible.
  • A eliminación: é necesario evitar a dispersión das sementes desta especie durante todo o proceso.
  • A restauración do solo e a revexetación: permite evitar unha recolonización da invasora e mellora a biodiversidade do ecosistema.
  • O mantemento e seguimento: axuda á detección temperá de novas poboacións e a entender o ciclo de vida da especie invasora.
  • Comunicación e sensibilización.

Imaxe do "Manual de boas prácticas para o controlo da Cortaderia selloana"
Imaxe do "Manual de boas prácticas para o controlo da Cortaderia selloana"

O seguinte bloque introducido foi relativo a Cartografía e ciencia cidadá. En primeiro lugar, Henrique N. Alves (Cámara Municipal de Vila Nova de Gaia) presentounos a Aplicación StopCortaderia para rexistrar as poboacións de Cortaderia nun mapa colaborativo, animando ás persoas asistentes á participación para que sexa posíbel o coñecemento do nivel de invasión desta especie no territorio. A continuación, Sergio París (CEIDA) expuxo a cartografía aproximada á distribución de Cortaderia en Galiza, obtida grazas a enquisas, entrevistas e monitoreo en campo. O resultado por municipios é o que se mostra a continuación:


Cartografía aproximada á distribución de Cortaderia
Cartografía aproximada á distribución de Cortaderia 


Obsérvase como esta especie se atopa presente na metade dos municipios galegos, cunha evolución negativa nos últimos anos, especialmente presente nas áreas máis poboadas con uso humano intenso e en comunidades de marisma, humidais costeiros, acantilados, dunas e formacións de matorral costeiro.

O último bloque desta sesión centrouse no Control, ou qué facer para evitar a propagación de sementes de Cortaderia. Inicialmente, Antonio Urchaga (SEO/BirdLife) explicounos os Métodos de control da expansión de Cortaderia, definíndonos cando un mesmo método pode resultar efectivo ou nefasto: Entre outros factores para realizar un método de erradicación efectivo atópase a importancia de impedir a chegada da luz as plantas desbrozadas mediante a ocultación con bioplásticos dun grosor suficiente para evitar a recolonización desta especie. O método químico para a eliminación desta especie é convinte que sexa o último recurso para evitar a contaminación e debido a que pode non ser moi selectivo con esta especie, eliminando outras que si son beneficiosas para a biodiversidade.

A época de actuación é clave para controlar a expansión xa que é necesario impedir a produción da semente para evitar a dispersión. Son necesarios os desbroces para controlar o crecemento anual desta planta e o correcto tratamento dos restos obtidos desta planta.

A restauración ambiental é importante que se leve a cabo con especies autóctonas con alta capacidade colonizadora e densidades elevadas para evitar a chegada de luz a semente da Cortaderia. É imprescindible manter a eliminación desta planta para evitar a recolonización. Un modo de control é mediante gando.

Para continuar, Juan Antonio Ruiz de VIlla (Demarcación de Estradas do Estado en Cantabria, MITMA) tratou o tema da Xestión de Cortaderia nas estradas do Estado en Cantabria, e xa para rematar esta sesión, Jaime Fagúndez (UDC) introduciu o Control biolóxico contra Cortaderia. Pese ao esforzo que require este método, consiste nunha solución baseada na natureza, sostible e que se mantén no tempo ao establecer conexións biolóxicas e ecolóxicas. No caso de Cortaderia, o grupo de investigación da UDC propón a especie Spanolepis selloanae (díptero) como axente biolóxico.

 

A segunda sesión, día 16, focalizou a temática de intervencións en tres bloques:

O primeiro desenvolveu as técnicas de comunicación e sensibilización, no que as intervencións de Hélia Marchante (Escola Superior Agrária de Coimbra) e de Francisco Oliva e Rosa Olivo (Life Invasaqua) mostraron os desafíos de implicación á poboación local na loita contra as EEI.

No segundo bloque detalláronse as formas de eliminación, facendo fincapé nas mellores prácticas, intervencións que desenvolveron Santiago García (Asoc. Amica), e Dominique Roux (Deraciner), quen presentou unha ferramenta manual para facilitar en grande medida a extracción das plantas de raíz, sen necesidade de emprego de compostos químicos e rebaixando moito o nivel de esforzo físico en comparación con outras ferramentas manuais clásicas. A continuación interviron Javier Ferreiro (IBADER) e Antonio Uchaga (SEO/Birdlife) que presentaron casos reais de eliminación de Cortaderia en corredores fluviais e en ENP de Cantabria.

O último bloque desta sesión e do seminario técnico, tratou a posibilidade de coordinación para un futuro sen Cortaderia, coas intervencións de Felipe González (SEO/Birdlife) que falou da necesidade da restauración activa para previr recolonización por EEI, e de Santiago García (Asoc. Amica) que fixo un interesante convite á participación activa na Estratexia Transnacional de loita contra a Cortaderia, que implica en primeiro termo a Galiza como localización estratéxica, limitando con Portugal e co resto da Península Ibérica.

Este proxecto europeo, baseado na prevención e control, combinado con boas prácticas na construción, mantemento, e na xardinería, entre outras, e reforzado coa información e concienciación cidadá, pode constituír un paso adiante na erradicación desta especie invasora moi presente en Galiza, que sen dúbida teremos en conta na Oficina de Medio Ambiente da UDC para poñer en práctica nos espazos que temos ao noso alcance, como é o exemplo de restauración forestal do Monte da Fraga, e que na actualidade conta con unha figura de Custodia do Territorio que implica a diferentes axentes administrativos e sociais.

 

Máis información:

Páx. Web do proxecto Life Stop Cortaderia: http://stopcortaderia.org/

Manual de boas prácticas e outro material divulgativo Stop Cortaderia (varios idiomas): https://drive.google.com/drive/folders/1fWj4dp_LTUpwmVET_mNTR1atQl9Ikl2D

Aplicación para o mapeo participativo de Cortaderia Selloana: https://cortaderia.cm-gaia.pt/BiodiversityRest/

Apartado web do Monte da Fraga da UDC: https://www.udc.es/gl/sociedade/medio_ambiente/biodiversidade_e_conservacion_do_solo/



Folheto Desafios CORTAderia
Folleto Desafios CORTAderia

bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib