O próximo luns día 22 de febreiro a Oficina de Medio Ambiente da UDC,
xunto coa Asociación Ecoloxista ADEGA, organizaremos unha xornada de Poda participativa no Monte da Fraga.
A xornada de
traballo comezará ás 15:30 h cunha charla introdutoria á técnica de
poda e tamén de titorización, dirixida polo Dr. Javier Cremades Ugarte (Profesor
titular de botánica na UDC), no Salón de Actos da Facultade de Ciencias.
Posteriormente realizarase o obradoiro de poda e titorización de árbores
froiteiras e frondosas.
O Monte da Fraga estaba convertido nun eucaliptal que foi talado pola UDC
en 2006, para recuperar a antiga fraga. Nese momento, reforestouse a maior
parte deste espazo, uns 15000
m2 , con especies autóctonas como por exemplo acivro (Ilex aquifolium), bidueiros (Betula alba), carballos (Quercus robur ), castiñeiros (Castanea sativa), freixos (Fraxinus excelsior), loureiro común (Laurus nobilis) e tamén cerdeiras (Prunus avium), que contribúen
favorablemente debido a que os paxaros se alimentan dos seus froitos. Dez anos
despois, toda a zona comeza a tomar a forma de bosque, e está á túa disposición
para visitar e gozar.
A última zona de eucaliptos foi talada en 2012 polos danos que causaban aos
edificios e ás persoas usuarias. Na Oficina de Medio Ambiente estamos
recuperando esta zona mediante o que se chama “reforestación participativa”. En
cursos anteriores plantáronse especies diversas e erradicáronse especies
alóctonas invasoras.
Debido aos efectos do vento, as árbores novas precisan de coidados, que
nesta ocasión serán axudadas con titores que as manteñan erguidas, e tamén as
podaremos para favorecer o seu crecemento.
Podes inscribirte de forma
gratuíta enviando un correo co teu nome
e DNI a oma3@udc.es
Lugar: Salón de Actos da Facultade
de Ciencias (A Zapateira)
Para máis información, visita o
noso facebook e blog. http://medioambienteudc.blogspot.com.es/
*Se chove un pouco, levade roupa e
calzado axeitado.
*Se chove moito, anunciaremos no
noso facebook e blog outra data para a actividade.
0 comentarios:
Publicar un comentario