20/06/2013

HORTAS COMUNITARIAS NA UDC

bolseirxs OMA-UDC
         O mércores 24 de abril a Oficina de Medio Ambiente realizou un sorteo para conceder un total de 26 hortas urbanas de 20 metros cadrados cada unha a diversos membros da Universidade de A Coruña. O espazo habilitado para as hortas comunitarias sitúase no Campus de Elviña fronte á Facultade de Economía e Empresa, xunto ao Edificio de Apoio á Investigación.
 
Presentáronse un total de 189 solicitudes, sendo 115 de estudantes, 38 de persoal docente e investigador (PDI) e 36 de membros do persoal de administración e servizos (PAS), pero finalmente un 50% das parcelas foron destinadas para os alumnos e o outro 50% para profesores e persoal non docente.

Os adxudicatarios poden facer uso das súas terras durante un período máximo de dous anos renovables até un máximo de catro anos no caso de presentarse máis solicitudes que parcelas ofertadas ou sen límite sé é no caso contrario.
 
As persoas usuarias teñen a posibilidade de contar con tres ou catro persoas autorizadas para axudar no traballo das hortas e dispoñen de varios puntos de auga asignados ás súas parcelas, así como unha caseta que contén as ferramentas necesarias para traballar as hortas.

Os titulares de hortas teñen á súa disposición un réxime de uso das parcelas, entre os que destacan a prohibición de plantación de árbores froiteiras nas parcelas, así como aquelas non autorizadas legalmente na lexislación en vigor, o impedimento de vender calquera produto obtido na horta xa que son exclusivamente para consumo propio, ou a instalación de elementos que poidan deteriorar a paisaxe ou instalacións existentes, entre outras.
Ao longo do primeiro mes celebráronse tres reunións formativas da man do agrónomo Xan Pouliquen para facilitar información sobre o acceso a medios produtivos e insumos que permiten o funcionamento ecolóxico da horta comunitaria.
Os usuarios das hortas e as terceiras persoas comezaron traballando as súas terras e plantando fundamentalmente leitugas, tomates, cebolas, xudías e algunhas plantas aromáticas como alfábega, ourego ou romeu.

 
Como proxectos futuros, preténdese aproveitar a zona alta do terreo coa finalidade de cultivar de forma conxunta plantas aromáticas. Amais, o terreo húmido baixo, máis preto do río, empregarase tamén como zona común para poder plantar patacas, flores e cola de cabalo, entre outros. Finalmente, no camiño dende a entrada ao terreo ata o caseto, cultivaranse árbores froiteiras, de novo para o uso conxunto dos adxudicatarios das hortas.

MESA DE CULTIVO
 
Ademáis, tras dous meses dende que realizamos a actividade da “Horta na cidade”, aquí tendes unha foto de como se atopan os cultivos que se plantaron na mesa de cultivo, na que podedes atopar leitugas, pementos, tomates, cebolas, cabaciñas, brócoli e plantas aromáticas (lavanda, tomiño limoeiro, ourego e menta).

ANTES

DESPOIS
 

 

bolseirxs OMA-UDC / Author & Editor

Has laoreet percipitur ad. Vide interesset in mei, no his legimus verterem. Et nostrum imperdiet appellantur usu, mnesarchum referrentur id vim.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Coprights @ 2016, Blogger Templates Designed By Templateism | Templatelib